Esta fin de semana o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, r parte de equipo comisarial da Bienal de Pontevedra, integrado por Antón Castro, Ángeles Tilve e Agar Ledo, desprazaranse ata Italia convidados pola organización da Biennale di Venezia.
O obxectivo deste encontro é "continuar avanzando na expansión internacional da mostra pontevedresa", do mesmo xeito que se fixo en agosto coa Bienal de Vilanova de Cerveira.
A axenda de Rafa Domínguez en Venecia contempla, un percorrido polo Giardini della Biennale e a visita ao pavillón de España na mostra, que albergará pezas de arte contemporáneo que exploran temas sociais e de identidade. Tamén percorrerá o Arsenale, a Galería da Academia, o Museo Fortuny e o Peggy Gugghenheim Collection e visitará o Palazzo Grassi, a Basílica de San Marco e a Punta della Dogana.
Está previsto que estableza sinerxías para seguir traballando no proxecto de reactivación da Bienal pontevedresa.
"Queremos irmandar a cita de Venecia coa de Pontevedra", dixo, "para beneficiarnos de todas as oportunidades que suporía establecer unha colaboración directa, creando vínculos entre estes eventos artísticos de sona internacional".
Deste xeito, están previstas reunións co presidente da Biennale di Venezia e con responsables de Ocean Space, un centro de exposicións situado na igrexa de San Lourenzo que foi favorecido por un traballo de conservación e restauración dirixido pola Fundación Thyssen-Bornemisza Arte Contemporáneo, e por Miguel Mallol, comisario, crítico de arte e xestor cultural, encargado do pavillón español da Biennale.