A Bienal de Arte de Pontevedra regresa do 21 de xuño ao 30 de setembro de 2025 despois de quince anos de ausencia, de aí a lema escollido para a campaña de difusión deste evento: 'A arte volve'.
O claustro do Edificio Sarmiento acolleu a presentación desta campaña na que teñen protagonismo a Escola de Cantaría, os traballadores do Museo de Pontevedra, os piragüistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva ou o Pazo de Lourizán, mostrando á Boa Vila como un escenario vibrante de reflexión, debate e celebración da cultura contemporánea.
A Bienal de Arte de Pontevedra, promovida pola Deputación e o Museo de Pontevedra é a máis antiga de España, comezou o seu percorrido nos anos 60 e alcanzou status internacional nos 80.
Tras quince anos de ausencia, "volve" como un evento cultural internacional que busca celebrar a arte e fomentar o diálogo sobre as manifestacións e os estilos artísticos máis recentes.
Esta edición, a 32ª, comisariada por Antón Castro, crítico e profesor de renome internacional, terá o Museo de Pontevedra como epicentro e estenderase por toda a cidade, que se converterá nunha protagonista máis ao albergar nas súas prazas, fachadas e edificios emblemáticos as obras da Bienal.
Esta edición terá o Museo de Pontevedra como epicentro dun acontecemento que se estenderá por escenarios como a Ponte de Santiago, o Pazo de Lourizán, a igrexa de Santa Clara, a Fundación Rosón, a Casa Consistorial, as Ruínas de Santo Domingo, a Facultade de Belas Artes, o Café Moderno, a Fundación Manuel Moldes, a Illa das Esculturas ou o Pazo Provincial da Deputación.
Como novidade, nesta ocasión a Bienal tamén alcanzará a outras localizacións como O Grove, Sanxenxo, Ponteareas e Vigo.
O vicepresidente da Deputación e responsable do Museo, Rafa Domínguez, destacou o importante impacto a nivel económico, mediático e turístico que terá a Bienal tanto para Pontevedra e a provincia. "A Bienal vai facer de Pontevedra un referente para o turismo, é un evento cultural de arte contemporáneo que vai dar a Pontevedra unha nova identidade", asegurou o vicepresidente, quen adiantou tamén a posta en marcha dun estudo, a través da Universidade de Vigo e unha empresa especializada, para coñecer de xeito detallado o retorno económico que terá.
Segundo explicaron o comisario xeral da Bienal, Antón Castro e Agar Ledo, responsable do departamento de Investigación do Museo de Pontevedra, baixo a lema "Volver ser humanos… ante a dor dos demais", a bienal abordará temas que marcan o discurso existencial contemporáneo: guerras, cambio climático, migracións, crises sociais, autoritarismo, democracia, entre outros.
O crítico e profesor Antón Castro xunto ao profesor e artista Antón Sobral, comisario da Bienal, seleccionaron máis de sesenta artistas internacionais de primeiro nivel.
A metade das obras que se exporán están feitas pensando na Bienal de Pontevedra.