A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, situada na rúa Alfonso XIII, completa as actividades programadas neste mes de xaneiro cunha aposta decidida pola ilustración e a creatividade infantil.
O centro cultural organiza dúas actividades que permitirán aos máis pequenos achegarse ao mundo do debuxo e das historias dun xeito lúdico e participativo.
O primeiro dos obradoiros, que terá lugar o vindeiro venres 17 de xaneiro ás 18:00 horas, está organizado por Anias e diríxese a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos.
Nesta actividade gratuíta, os participantes aprenderán técnicas sinxelas de ilustración para crear os seus propios personaxes, que logo se converterán en protagonistas de historias ideadas e narradas por eles mesmos.
Os interesados en participar neste obradoiro creativo poden inscribirse neste formulario.
A segunda proposta chegará o venres 31 de xaneiro, tamén ás 18:00 horas, da man de Polo Correo do Vento.
Nesta ocasión, a actividade está pensada para un público máis amplo, a partir de 3 anos, e centrarase na figura de Xosé Vizoso, o artista homenaxeado no Día da Ilustración 2025.
A través dunha narración lúdica e visual, os asistentes poderán coñecer a vida e obra deste destacado ilustrador de Mondoñedo, referente gráfico en Galicia.
Para esta actividade non se require inscrición previa, e a entrada será libre ata completar a capacidade da sala.