Benvidos ao Culturgal 10, a feira cultural máis integradora e dinámica

Pontevedra
01 de decembro 2017

Desde este venres ata o domingo 3, o Pazo da Cultura acolle o mellor da industria cultural galega e portuguesa na décima edición da Feira do Culturgal con actividades artísticas para todos os públicos. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, inauguraba este mediodía este evento de carácter internacional

Inauguración do Culturgal 2017 (II)
Inauguración do Culturgal 2017 (II) / Mónica Patxot

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, era o encargado de inaugurar a décima edición do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, no recinto feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra este venres, que ofrece máis de 130 actividades artísticas, para todo tipo de público infantil e adulto, durante esta primeira fin de semana de decembro.

Manuel Bragado, presidente de Culturgal, abriu o acto institucional destacando a presenza de 128 expositores e a colaboración entre a Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Deputación Provincial e Ministerio de Cultura para que este evento chegue ao décimo aniversario, onde Portugal vai ter un espazo destacado co obxectivo de que a cultura lusa e a galega se miren de fronte e compartan experiencias artísticas.

Tamén afirmou que a deste ano é unha edición máis inclusiva e sen barreiras para todos os públicos e para todas as expresións culturais cunha especial dedicación á arte contemporánea. 

Na mesma liña de colaboración e intercambio entre Portugal e Galicia pronunciouse Manuel Correia da Silva, vicecónsul portugués, que lembrou a importancia da produción das novas xeracións de creadores. Pola súa parte, o deputado de Cultura, Xosé Leal, destacou a presenza que nesta feira ten o Museo de Pontevedra coincidindo co seu noventa aniversario e a importancia do espazo dedicado a arte contemporánea que se atopa na sala de exposicións do Pazo da Cultura.

Carmen Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, insistiu na necesidade de facer da cultura propia unha peza fundamental do entramado social e amosar un auto orgullo despois de que teña recibido "moitos golpes". Destacou tamén que no 2018, Pontevedra vai ofrecer unha ampla programación para lembrar as figuras da escritora María Vitoria Moreno e do arquitecto Alejandro de la Sota.

Por último, Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, tamén incidiu na importancia de facer país e promover a identidade con este tipo de actividades culturais que teñen ao público como destinatario final de todos os esforzos. "De nada serve facer obra se ao público non lle interesa", indicou Rodríguez, que tamén destacou os traballos de preparación que se están a levar desde a Xunta de Galicia para fomentar o Xacobeo 20-21. Sinalou que se vai fomentar con novos formatos, con traballos en rede e internacionalización. Neste aspecto, afirmou que é necesario combinar tradición e vangarda.

Despois, levouse a cabo un percorrido por todo o recinto por parte das autoridades entre as que se atopaba, entre outros, o secretario xeral de Cultura; Anxo Lorenzo, o director do Agadic, Jacobo Sutil; os deputados autonómicos Teresa Egerique e Jacobo Moreira; a deputada provincial Eva Vilaverde; os concelleiros de Pontevedra Anabel Gulías e Luis Rei, ademais dos comisarios da mostra de arte, Paula Cabaleiro e Antón Sobral.

Numerosos escolares xa participaron das primeiras actividades deste Culturgal que mantén os prezos populares para esta edición cunha entrada de 2 euros por día para personas adultas e un bono de 3 euros para as tres xornadas.

Ao longo destes días poderán verse diferentes espectáculos, dentro dunha ampla programación, como a presentación do disco 'Respirar', de Andrea Pousa; presentacións de libros; charlas ou representacións teatrais como a de (i)migrantes do Centro Dramático de Viana do Castelo.

Arquivado en