O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Normalización Lingüística e Xuventude, Alberto Oubiña, presentou xunto co coordinador de normalización lingüística do IES Sánchez Cantón, Xosé Luis Xaneiro, unha nova edición do certame 'Ben veñas maio', un concurso no que pode participar todo o alumnado de ensino público da cidade.
Este espazo ofrece oito certames diferentes, que incluen teatro, curtametraxe, fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía, videoclips e musical. Este último é un evento que foi recuperado este 2020 a petición dos participantes xa que ten un "impacto fundamental", segundo asegurou Oubiña.
Os obxectivos desta iniciativa son a mellora da cantidade e calidade do uso lingua galega entre a mocidade, con espazos onde o galego sexa o eixo central. A organización quere fomentar a difusión da lingua para que non se perda entre os máis novos. Para a difusión do concurso se utilizarán as redes sociais debido ao seu impacto na mocidade. Ademais, servirán como plataforma para difundir turoriais, anunciar a gala final e tamén os gañadores.
O público obxectivo divídese en dúas partes: en primeiro lugar, a mocidade que participa no certame, e en segundo lugar, o profesorado, nais e pais que poidan motivar ao alumnado a participar.
En canto os diferentes concursos, o de curtametraxes, fotografía, banda deseñada, narración curta e poesía teñen un premio de 150 euros para o gañador e 100 euros para o segundo. Ademáis os vencedores recibirán un diploma. En video e musical, o primer premio ascende ata os 450 euros, o segundo recibirá 300 euros e o terceiro 150.
Pola súa banda, Xosé Luis Xaneiro manifestou que este "é un certame no que hai moito talento e entusiasmo". En canto ao uso da lingua galega na mocidade asegurou que "hai que cambiar as actitudes, non as condutas, e eliminar os prexuizos en canto á lingua galega que existen entre a mocidade, que foi educada principalmente en castelán".
A gala final deste certame celebrarase o 8 de maio ás 19:00 horas no Teatro Principal. Para a inscrición, cada grupo ou solista debe presentar no correo electrónico bvm@pontevedra.gal a ficha cos datos dos participantes e a ligazón ou arquivo que presentan. Aqueles que queiran realizar a gravación das maquetas no Local de Música poden solicitar a colaboración do persoal do Local poñéndose en contacto no enderezo electrónico localdemusica@gmail.com.