Belas Artes explora vías de colaboración coa universidade máis antiga de Camboxa

Pontevedra
24 de abril 2019

O reitor da Royal University of Fine Arts de Camboxa, Sophady Heng, e tres responsables máis desta universidade visitaron este martes a Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra, co fin de "atopar proxectos nos que poidamos colaborar para mellorar a formación que ofrecemos aos nosos alumnos", segundo explicou o reitor camboxano. 

Os representantes da Royal University of Fine Arts visitan as instalacións pontevedresas
Os representantes da Royal University of Fine Arts visitan as instalacións pontevedresas / Duvi

O reitor da Royal University of Fine Arts de Camboxa, Sophady Heng, e tres responsables máis desta universidade visitaron este martes a Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra, co fin de "atopar proxectos nos que poidamos colaborar para mellorar a formación que ofrecemos aos nosos alumnos", segundo explicou o reitor camboxano. 

Ambos centros forman parte do consorcio de Cartes, unha iniciativa promovida pola ESAD Antonio Faílde de Ourense na que participan un total de 23 facultades e escolas de arte, artes aplicadas e música.

A motivación deste consorcio é a de establecer un primeiro contacto entre centros de ensinanza españois e de fóra da Unión Europea para "destruír os mitos diferenciais da cultura e educación por continentes e países, dar a coñecer o mellor da práctica docente e asimilar e humanizar os puntos de vista dos sistemas académicos de forma que se faga un conxunto mixto que unifique a expansión da cultura no século XXI a través do mundo audiovisual".

Neste contexto, o vicedecano de Relacións Internacionais da Facultade, Carlos Tejo, participou en febreiro nunha estadía na Royal University of Fine Arts de Camboxa, situada en Phnom Penh (capital do país), para explorar posibles vías de colaboración. 

Co mesmo obxectivo, a vicerreitora Chandevy Men, o decano da Faculty of Plastic Arts, Chenda So, e o representante da Oficina de Relacións Internacionais, Socheat Nhean, visitaron xunto ao reitor Sophady Heng as instalacións da cidade integradas no consorcio de Cartes: a Vicerreitoría da Universidade (Casa das Campás), a Facultade de Belas Artes e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Durante a estadía, os responsables das institucións pontevedresas informaron aos camboxanos sobre as titulacións que se imparten no campus de Pontevedra e o seu proxecto de especialización, e formularon posibles acordos e proxectos, "como por exemplo o intercambio de profesorado para estadías breves".

Así mesmo, Sophady Heng presentoulle aos membros da xuntanza a universidade máis antiga de Camboxa, a Royal University of Fine Arts, na que se poden cursar estudos de grao de artes, arquitectura, arqueoloxía, música e artes visuais.