Baobab Teatro, un dos 9 finalistas nos XXII Premios de Teatro María Casares

Pontevedra
22 de febreiro 2018

'Pum pum!' é a obra que opta polo galardón, que entregarase no día 21 de marzo. A compañía compite con 'A galiña azul' de Tanxarina e 'Outono' de Pistacatro na categoría de mellor espectáculo infantil

Trailer de 'Pum, pum!' de Baobab Teatro / Baobab Teatro

Marieta é unha nena de cinco anos rodeada de portas que contan historias. Nunha delas está oculto un segredo que nunca contou e que ninguén escoitou. Con esa sinopse preséntase ao público a obra 'Pum pum!' de Baobab Teatro, unha das 9 finalistas nos XXII Premios de Teatro María Casares.

O espectáculo elaborado para nenos a partir de cinco anos fala sobre historias cotiás, cun transfondo que transmite a mensaxe de que ninguén lles pode obrigar a facer algo que non queren. Xunto a 'A galiña azul' de Tanxarina e 'Outono' de Pistacatro, a compañía pontevedresa compite polo premio a mellor espectáculo infantil, nunha gala de entrega que se celebrará o mércores 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Cun total de 14 categorías, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) deron a coñecer os seus finalistas na Festa de Nomeados o 21 de febreiro. No acto, a actriz e secretaria da entidade, Iria Sobrado, destacou que un total de 32 espectáculos e máis de 300 profesionais presentaron a súa candidatura nesta edición.

Baobab Teatro xa conserva un galardón pola obra ' Luppo', o premio ao mellor espectáculo infantil e familiar na IX Edición da Feira de teatro de Castela e León, entregado en 2016 pola Asociación de Amigos do Teatro de Cidade Rodrigo.