Baobab Teatro presenta a "Mai Mai" o último oso panda do planeta

Pontevedra
22 de marzo 2019

A compañía pontevedresa Baobab Teatro presenta o seu novo espectáculo "Mai Mai" no Auditorio do Pazo da Cultura, a cita é este domingo 24 de marzo ás 19:00 horas

Baobab Teatro presenta a "Mai Mai"
Baobab Teatro presenta a "Mai Mai" / Baobab Teatro

A compañía pontevedresa Baobab Teatro presenta o seu novo espectáculo "Mai Mai" no Auditorio do Pazo da Cultura, a cita é este domingo 24 de marzo ás 19:00 horas. As entradas á venda no Pazo da Cultura unha hora antes da función, e de maneira anticipada na billeteira da Casa da Luz. Prezo 3 euros.

Baobab Teatro é unha compañía especializada en teatro para nenos e público familiar, a partir de 4 anos e apto ata 99 anos.

"Mai Mai" é a historia do último oso panda do planeta e a súa loita por sobrevivir, a falta de comida e os problemas ocasionados polo quentamento global fan difícil a supervivencia desta especie. Unha muller emprendedora e moi revolucionaria e un famoso fotógrafo comezan unha viaxe por separado para atopar o último panda do planeta, toda unha aventura na que se atoparán unha chea de problemas que solventar.

Unha historia tenra e moi divertida onde se mestura o amor, a codicia, o éxito e a concienciación medioambiental. Unha historia que fala de revolución, que plasma o empoderamento da muller e fará meditar ao público sobre o que estamos a facer co noso planeta.

Nesta ocasión Baobab Teatro conta cos actores Óscar Ferreira, Xosé Manuel Esperante e da actriz Andrea Bayer que serán os encargados da parte actoral, deseño de son e iluminación Daniel Abalo, na dirección Óscar Ferreira, a escenografía Óscar Ferreira e José Manuel Vidal, Proxección Ana Tasende, Voz nena Sofía Fernández Pérez e o guión Andrea Bayer.