A compañía pontevedresa Baobab Teatro non podía faltar neste Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Colaboran desde hai anos con este evento cultural e, desta volta, foi o escenario elixido para estrear o seu novo espectáculo, Luppo. Esta obra, que se representou este martes no auditorio do Pazo da Cultura, contará con dúas novas funcións o mércores e o xoves, a partir das 18.30 horas.
Luppo conta unha historia de sentimentos e emocións. Un espectáculo que fala do ciclo da vida, do apego coas persoas, da relación cos nosos veciños, da importancia das historias que construímos ao longo da nosa vida.
En concreto, Luppo é un home maior que vive só e todos os días as doce en punto da mañá acende o seu gramófono para escoitar ópera. Ten un amigo, o seu veciño Tulún, un neno de cinco anos que todos os días ás doce da mañá vai visitalo e lévalle pan, leite e o xornal.
Nesta ocasión, Baobab Teatro conta cos actores Xosé Manuel Esperante e Andrea Bayer, que son os encargados da parte artística. Na obra, que conta cun guión da propia Adrea Bayer e está dirixida por ÿscar Ferreira, colaboran ademais Daniel Abalo no son e nas luces e Juan Silva na escenografía.
As entradas para as dúas próximas funcións, mércores e xoves, estarán á venda unha hora antes do comezo do espectáculo a un prezo de tres euros.