"Bailando a Terra" bota a andar este venres na Carballeira de Caldas

Poio
07 de xullo 2022

O programa de promoción da danza da Deputación levará este tipo de espectáculos a contornas naturais ao aire libre de Caldas, A Illa, Poio. Forcarei e Tui ao longo do verán

A compañía Nova Galega de Danza participa no programa da Deputación de Pontevedra 'Bailando a Terra'
A compañía Nova Galega de Danza participa no programa da Deputación de Pontevedra 'Bailando a Terra' / Nova Galega de Danza

A Deputación de Pontevedra segue decidida a espallar cultura por todos os recunchos da provincia. Este venres lanza “Bailando a Terra”, un novidoso programa de danza en escenarios naturais ao aire libre como bosques, carballeiras, praias, cabos e espazos de patrimonio fluvial e marítimo de cinco concellos: Caldas, A Illa de Arousa, Poio, Forcarei e Tui. 

A carballeira de Caldas de Reis será este venres o tiro de saída da iniciativa coa actuación de Trébede ás 20.30 horas, cun espectáculo dirixido por Miguel Sotelo que mestura o estilo tradicional coa música en directo. A entrada ao espectáculo de Caldas, e aos restantes que se van executar no marco de “Bailando a Terra”, será libre ata completar o aforo.

Tras o paso por Caldas, o programa de danza chegará o 5 de agosto ata a Illa de Arousa, coa compañía Nova Galega de Danza, que actuará ás 21.00 horas no Edificio de usos náuticos.

O día 6, o programa recalará en Poio, concretamente no xardín da Capela da Virxe da Renda, onde a escola de Baiona Galicia en Danza ofrecerá o espectáculo “As 4 estacións". O día 13 de agosto a escola de danza lalinense Maisquedanza ofrecerá “Danzando na terra” na carballeira de Soutelo, en Forcarei, ás 20.30 horas. O peche do programa terá lugar o 23 de setembro no paseo fluvial de Tui coa escola de danza Unidance.

“Bailando a Terra”, co que colaboran compañías profesionais como Nova Galega de Danza e Trébede e escolas de danza da provincia como Maisquedanza, Galicia en Danza e Unidance, enmárcase na programación “Con-Fiando Cultura”.