"Backstage" na casa de Carmiña para render tributo a Caballé e Pavarotti en Carballedo

Cerdedo-Cotobade
19 de agosto 2024

O concerto, titulado 'Querida Montserrat, Querido Luciano', contou coa actuación de destacados artistas como Montserrat Martí Caballé, Simona Todaro Pavarotti, Luis Santana e Dolores Crespo, acompañados polo pianista Víctor Carbajo

Concerto lírico: 'Querida Montserrat, Querido Luciano'
Concerto lírico: 'Querida Montserrat, Querido Luciano' / Concello de Cerdedo-Cotobade

A Praza da Chan de Carballedo, no Concello de Cerdedo-Cotobade, encheuse de emoción esta fin de semana cunha homenaxe musical a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti que atraeu a un público entusiasta do bel canto.

O concerto, titulado 'Querida Montserrat, Querido Luciano', contou coa actuación de destacados artistas como Montserrat Martí Caballé, Simona Todaro Pavarotti, Luis Santana e Dolores Crespo, acompañados polo pianista Víctor Carbajo.

O alcalde Jorge Cubela destacou o esforzo do Concello por traer un espectáculo lírico de tan alto nivel de forma gratuíta para a veciñanza.

"É a primeira vez na historia da música que se rende unha homenaxe conxuntamente a estes dous grandes artistas", declarou Cubela, subliñando a importancia das voces de Caballé e Pavarotti nos grandes teatros do mundo.

Os artistas mostraron unha gran accesibilidade co público, rompendo co mito do "divismo" no mundo da canción lírica e narrando anécdotas mesmo da boa relación entre Montserrat Caballé e Freddie Mercury, narradas principalmente por Montserrat Martí Caballé, filla da gran cantante lírica, quen tamén contou que sufrira unha caída recentemente e tiña varios puntos nun xeonllo ademais de dor nunha costela.

O público non escatimou aplausos e ovacións, manténdose mesmo de pé despois de esgotar as cadeiras dispostas pola organización e o éxito levou a que os cantantes tiveran que ofrecer varios bises.

Grazas á hospitalidade de Carmiña, unha veciña da Praza da Chan, a falta de camerinos non foi un problema porque os artistas puideron utilizar a súa vivenda como un "backstage" improvisado. Foi a gran anécdota da xornada.

O concerto de Carballedo contou coa interpretación de Dolores Crespo de varias pezas en galego.