Falta pouco xa para que os ritmos da música urbana ecoen aos pés do río Lérez. En apenas doce días chegará a primeira edición do festival Río Verbena e farao cun cartel repleto de bandas e artistas, ao que se sumaron as dúas últimas actuacións.
Serán as de Ayax, un dos referentes do rap no noso país; e do cantante e compositor tinerfeño Maikel Delacalle, segundo anunciaron os seus organizadores.
Ambos se incorporan a un elenco no que estaban Hijos de la Ruina, que darán o seu último concerto en conxunto no festival pontevedrés; Villano Antillano, cuxa actuación en Río Verbena será a súa primeira vez en Galicia, Sila Lua, Thom Archi e Groove Amigos.
Todos eles actuarán no Parque de Tafisa o vindeiro sábado 24 de setembro.
Ayak chegará a Pontevedra acompañado do estilo reivindicativo que o caracteriza e que lle fixo crecer máis aló das nosas fronteiras.
A través da composición poética do seu rap respiramos crítica social, experiencias sentimentais, persoais e de barrio, ademais de abstraccións filosóficas, sempre acompañadas pola súa inquietude e admiración polas artes plásticas.
Doutra banda, Maikel Delacalle incorpora na súa música diferentes elementos procedentes do hip-hop, o trap ou o dancehall, un estilo persoal co que conseguiu xiras por todo o mundo e colaboracións con artistas como Justin Quiles ou Kevin Roldán, entre outros.
CULTURA URBANA PONTEVEDRESA
Ademais, o Río Verbena incluirá na súa programación outros piares da cultura urbana pontevedresa, como as sesións dos DJ locais More Amore, N.Skillzz e G.Rich, ou tamén os grafitis, a cargo do artista gráfico O'Ras.
Río Verbena ofrecerá tamén un servizo de foodtrucks no recinto para o goce dos asistentes e, aínda que se celebra nun recinto totalmente exterior, o festival contará con carpa onde estar a cuberto no Parque de Tafisa, para protexerse do sol ou da choiva.
As entradas para a primeira edición de Río Verbena están á venda en ataquilla.com e rioverbena.com.