O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, abre a súa programación de 2025 volvendo a ser un dos escenarios do ciclo de teatro en lingua portuguesa Quintas do Camões, promovido polo Instituto Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo.
Así, este venres 10 de xaneiro ás 20,00 horas, o espazo ofrece en función única a montaxe 'Frágua de amor', o clásico da literatura portuguesa escrito polo dramaturgo Gil Vicente, coproducida pola compañía pública galega xunto a seis estruturas culturais lusas: Escola da Noite-Grupo de Teatro de Coímbra, O Bando de Surunyo, Artway, Cendrev-Teatro García de Resende, Teatro Académico de Gil Vicente e Teatro Nacional São João.
A peza está dirixida por Antonio Augusto Barros e conta coa música en directo de O Bando de Surunyo, especializado na interpretación de obras dos séculos XVI e XVII, con seis voces, laúde, viola de gamba, frauta e percusión baixo a dirección musical de Hugo Sanches e co galego Xurxo Varela á viola. Sobre o escenario actuará un elenco de nove actores e actrices: Ana Teresa Santos, Carlos Meireles, Igor Lebreaud, Maria Quintelas, Miguel Magalhães, Nuno Meireles, Sérgio Ramos e a galega Mónica Camaño.
Para a representación no Salón Teatro, Camões ofrece un servizo de autobús gratuíto desde Vigo, con saída ás 17,00 h. desde o Berbés, ata Santiago de Compostela (dársena de La Salle), con regreso incluído e paradas diante da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra e da de Vilagarcía de Arousa.
Para facer uso deste transporte cómpre inscribirse ata o 8 de xaneiro a través da web do centro luso.
CRÍTICA DOS PRIVILEXIOS E OS ABUSOS
A posta en escena do texto escrito en 1524 para celebrar o casamento de João III con Catarina de Habsburgo consegue, a través da escenografía e da música, o ambiente de festa imaxinado por Gil Vicente. Non obstante, tamén lanza miradas críticas aos temas habituais do autor: a igrexa, a xustiza corrupta e a fidalguía improdutiva que aspira a beneficios.