Aurora Marco presenta 'Elas', un libro sobre os dereitos das mulleres

Pontevedra
22 de marzo 2016

A presentación será o mércores 30 de marzo ás 19:00 horas na Casa da Luz. Trátase dun traballo froito dun labor de investigación iniciado na década de 1980

'Elas', de Aurora Marco
'Elas', de Aurora Marco / www.mariaxesusdiaz.com

O mércores 30 de marzo ás 19.00 horas presentarase o libro 'Elas', da autora Aurora Marco, na Casa da Luz situada na praza da Verdura de Pontevedra.

Esta ensaísta, catedrática de Língua e Literatura Galega na universidade de Santiago de Compostela, mostra nesta obra as contribucións das mulleres galegas nos diferentes ámbitos de ocupación desde as orixes ata 1975, un ano que supuxo cambios políticos e foi punto de partida da revisión da situación e dos dereitos de mulleres.

O libro, editado por Xanela Editorial, é froito dun labor de investigación iniciado na década de 1980 e recolle unha recompilación de biografías que permiten lograr unha visión do papel determinante da muller galega na sociedade do seu tempo. Esta edición, de luxo, atópase limitada a 155 exemplares de tirada mundial. Cada exemplar acompáñase dunha acta notarial.

Tamén se entregan co libro 16 serigrafías realizadas por oito mulleres galegas e artistas como Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiráldez, María Manuela, María Xesús Díaz, Nováis, Sabela Arias Castro e Vanesa Lodeiro.

Na Casa da Luz tamén se manterá aberta ata o 15 de abril unha mostra con 38 obras orixinais correspondentes ás serigrafías e ilustracións destas autoras.