Augasantas homenaxea ao mestre de canteiros, o escultor José Cerviño "Pepe da Pena"

Cerdedo-Cotobade
20 de xullo 2024

Realizouse unha ofrenda floral no seu panteón, descubriuse unha placa conmemorativa na súa casa e no Local Social afondouse sobre a súa vida e obra

Homenaxe ao escultor José Cerviño "Pepe da Pena"
Homenaxe ao escultor José Cerviño "Pepe da Pena" / Concello de Cerdedo-Cotobade

O concello de Cerdedo-Cotobade acolleu este sábado a homenaxe a José Cerviño García "Pepe da Pena", considerado un dos mellores canteiros e escultores galegos de finais do século XIX e principios do XX ao que se lle atribúe, entre outras obras senlleiras, os cruceiros de Hío e Covelo.

O voceiro da Coordinadora Pro-homenaxe a José Cerviño, Maximino Fernández Sendín, encabezou a numerosa comitiva de familiares amigos e representantes do mundo da cultura e da sociedade do Verdugo-Oitavén, entre os que estaban os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e da Lama, David Carrera; a deputada autonómica Loli Hermelo, membros da Corporación Municipal de Cerdedo-Cotobade como o tenente de alcalde Fernando Vázquez e os concelleiros Galiza Aguete e Ernesto Filgueira, así como o concelleiro lamense José Ogando.

Jorge Cubela ensalzou a figura e a obra de José Cerviño a quen cualificou de "mestre de mestres canteiros" e salientou o gran traballo artístico feito por moitos lugares de Galicia "dando boa conta da súa alta cualificación e mestría así como bo gusto levando con orgullo o nome de Aguasantas e Cotobade, agora Cerdedo-Cotobade, co gran nivel das súas obras á altura do mellor barroco galego".

Despois da ofrenda floral ante o seu panteón a comitiva desprazouse ata a casa natal de José Cerviño García, para proceder ao descubrimento dunha placa conmemorativa e houbo unha pequena presentación dramatizada por Manuel Domínguez "O Bruxo Queiman" quen glosou a vida e obra do insigne canteiro.

Tomou tamén a palabra o promotor da homenaxe, Maximino Fernández Sendín, director da Casa Museo Etnográfico Pazo da Cruz e o Centro de Estudos da Paradanta e O Condado, quen agradeceu a colaboración e a implicación neste acto da Asociación de Veciños Penelas, de Aguasantas, e do Concello.