O Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo acolle a obra pictórica da artista pontevedresa Marga Santiago, un compendio de acuarelas e acrílicos ao abrigo dunha temática como son as 'Augas Mansas II'.
Máis dunha decena de cadros colgan das paredes da Cultural, unha mostra na que se pode apreciar o gusto pola paz que transmiten as súas pinturas, nas que Marga Santiago puxo boa parte da súa esencia.
O seu punto de partida ten o impulso de autores como Antón Sobral, que lle marcou o camiño da pintura tradicional chinesa.
"Comecei a pintar o verán de 2015, sentada na area da praia, tentando recuperar esas marabillosas sensacións que me producían as acuarelas, na miña nenez", comenta a artista.
"Todo o que plasmo nestas acuarelas e nestes acrílicos son parte da miña vida, do amor que teño pola mar e, sobre todo, dos anos que pasei na Lanzada", explicaba Santiago.
A presentación da exposición de Marga Santiago contou coa presenza de Paco Hernández, presidente da Cultural, quen dixo que "esta mostra dá continuidade, neste recentemente estreado ano, aos novos valores polos que esta entidade sempre aposta como parte da nosa responsabilidade para promover a cultura na provincia".
A obra poderá visitarse no Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo a longo deste mes de xaneiro de 2025.