O Concello de Caldas de Reis celebra o achádego dunha nova ara galaico-romana dedicada a Edovio, unha divinidade asociada ás augas termais.
A peza foi descuberta de xeito fortuíto por membros da Asociación Veciñal Terra Calda nunha leira particular, lugar onde o seu descubridor a levara despois de descubrila nun vertedorio de entullo de obras acometidas na vila de Caldas.
Inicialmente o descubridor descoñecía o interese arqueolóxico da peza.
Axentes da Xefatura da Policía Autonómica de Santiago de Compostela, en colaboración co servizo de arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, segundo indican desde a Xunta de Galicia, realizaron diferentes pescudas e localizaron a ara.
Procederon á identificación do propietario da parcela onde se atopaba ao que os axentes tomaron declaración co obxectivo de determinar a orixe deste elemento. A continuación, procederon a precintar a zona ata que se ditou a resolución.
O martes 29 de outubro, a ara foi trasladada ao Museo de Pontevedra para a súa conservación.
As aras votivas, pequenos altares de pedra ofrecidos aos deuses como promesa ou voto, foron comúns na antiga Roma, onde se adoptaron tamén deidades locais dos pobos conquistados, romanizando os seus cultos.
O deus Edovio, fortemente vencellado ás augas de Caldas, xa conta con dúas aras descubertas no pasado, unha delas en 1798, cuxa réplica se conserva na fachada do Balneario Dávila, e outra en 2008, que se atopa actualmente no Museo Provincial.
Esta terceira ara reafirmaría a hipótese dun antigo santuario termal na vila, cun culto consolidado a Edovio previo á ocupación romana.
Segundo a Asociación Terra Calda, o achádego subliña a necesidade dun centro museístico en Caldas para exhibir o seu valioso patrimonio.
Con esta fin, desde a asociación solicitarán ao Museo de Pontevedra que ceda a peza para ser exposta na vila nos próximos meses, no marco dunha mostra sobre Aquis Celenis que o Concello organiza en colaboración coa asociación.