Atlantic Fest preséntase en sociedade a bordo dun pesqueiro pola ría de Arousa

O Salnés
22 de xuño 2016

Un barco pesqueiro en plena Ría de Arousa. Ese foi o lugar escollido polos organizadores do Atlántic Fest para presentar o festival que se celebrará na Illa de Arousa os próximos días 1, 2 e 3 de xullo. Del, coñeciamos xa o seu cartel completo que se foi desvelando nas últimas semanas, pero este mércores fíxose público o resto da programación que formará parte da súa primeira edición

Presentación da primeira edición do Atlantic Fest
Presentación da primeira edición do Atlantic Fest / Xunta de Galicia

Un barco pesqueiro en plena Ría de Arousa. Ese foi o lugar escollido polos organizadores do Atlantic Fest para presentar o festival que se celebrará na Illa de Arousa os próximos días 1, 2 e 3 de xullo. Del, coñeciamos xa o seu cartel completo que se foi desvelando nas últimas semanas, pero este mércores fíxose público o resto da programación que formará parte da súa primeira edición.

Serán tres días de música repartidos entre catro escenarios por todo o municipio. Ademais do recinto principal na praia do Bao, haberá concertos no auditorio municipal, na praza de abastos ou en diferentes tabernas da illa. Así, se aposta por un evento capaz de atraer a públicos de todas as idades, con especial atención ás familias, a través dun programa que ofrecerá experiencias únicas aos seus asistentes.

Máis de quince artistas actuarán na Illa de Arousa. O venres 1 de xullo abrirán o festival Malandrómena, Pantis e Bala en varios locais do municipio, mentres que Niño de Elche tocará no auditorio municipal. Xa o sábado, o escenario principal da praia do Bao recibirá a José González, Tindersticks, Nacho Vegas, Be Forest, Álex Cooper e Xoel López.

O domingo, na sesión vermú, será a quenda de Best Boy na praza de abastos e de Músculo!, Diola e Pálida, en tres tabernas.

As entradas para este festival, que nace coa filosofía de combinar música e cultura coa paisaxe e os atractivos turísticos da Illa de Arousa, seguen á venda. O abono dos tres días ten un prezo de 45 euros.

Ademais, grazas a unha alianza coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Atlantic Fest acollerá o mercado discográfico GalicianTunes, unha marca que ofrece a través de Internet referencias de 1.330 vídeos musicais galegos, 850 discos, 23 festivais e 334 artistas e grupos.

Os contidos desta plataforma dixital serán difundidos neste mercado, instalado nunha carpa que se completará cos expositores ocupados polos selos discográficos e por empresas do sector musical galego. Haberá lugar, así mesmo, para un programa de charlas e coloquios ou mesmo concertos en formato showcase de recoñecidos intérpretes galegos como Xoán Curiel ou Silvia Penide.

COLABORACIÓN CON MOVISTAR

Unha das actividades paralelas máis rechamantes é a que levará ao rider do Equipo Movistar de Fórmula Kite, Florian Trittel, actual campión de España, medalla de bronce no campionato europeo e cuarto a nivel mundial desta categoría, ao Atlantic Fest. 

Trittel fará o sábado 2, ás 11:00 horas na praia do Bao, unha exhibición de kite surfing coa que o público asistente poderá gozar das espectaculares acrobacias que realiza sobre a táboa.

A compañía telefónica tamén estará presente no recinto principal do festival cun espazo no que os asistentes poderán vivir a experiencia de correr sobre o mar grazas a dous simuladores de motos de auga equipados con lentes de realidade virtual, e onde se situará ademais un teléfono xigante para facerse selfies.