Atlantic Fest cambia de datas: celebrarase os días 20, 21 e 22 de xullo

O Salnés
05 de decembro 2017

Así o confirmaron este martes os organizadores do festival. Aseguran que o cambio está motivado na procura dunhas datas "idóneas" para que o público poida gozar dunha illa "paradisíaca" na que poder pasar unha "idílica" fin de semana

Concerto de Lori Meyers no Atlantic Fest
Concerto de Lori Meyers no Atlantic Fest / PontevedraViva

Os días 20, 21 e 22 de xullo, tres semanas máis tarde do que era habitual. Esa será a nova data do festival Atlantic Fest, que se celebrará de novo na Illa de Arousa.

Así o confirmaron este martes os organizadores do festival. Aseguran que o cambio está motivado na procura dunhas datas "idóneas" para que o público poida gozar dunha illa "paradisíaca" na que poder pasar unha "idílica" fin de semana.

Esta nova opción, engaden desde o Atlantic Fest, permitirá mostrar unha Illa de Arousa "en pleno esplendor" e haberá máis tempo para preparar o novo espazo que acollerá o escenario principal do evento, que se ampliará con novas infraestruturas e servizos.

As primeiras confirmacións produciranse, segundo adiantan, dentro dunhas semanas.

As entradas para este Atlantic Fest 2018 poñeranse xa á venda o próximo 11 de decembro a través da súa páxina web. O prezo, ata o 7 de xaneiro, será de 40 euros.