Ateigada axenda do Concello de Pontevedra no Culturgal

Pontevedra
02 de decembro 2018

Un ano máis o Concello de Pontevedra, sede de Culturgal, conta cun espazo dentro da mesma onde levar a cabo a súa propia e variada programación

Espazo do Concello de Pontevedra no Culturgal
Espazo do Concello de Pontevedra no Culturgal / Concello de Pontevedra

Un ano máis o Concello de Pontevedra, sede de Culturgal, a feira das industrias culturais galegas, conta cun espazo dentro da mesma onde levar a cabo a súa propia e variada programación.

Teatro, música, roteiros, actividades para a cativada e a presentación de diferentes proxectos como o ciclo Novos Cinemas que bota a andar nuns días e outros promovidos polas concellarías de Xuventude e Promoción Económica deron vida ao stand de Pontevedra ao longo de tres días.

Comezou o venres co encontro "Chin Chin pola Cultura", organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) con Carlos Meixide como mestre de cerimonias.

O posto do Concello acolleu o sábado un obradoiro de fotografía para a cativada, a presentación do ciclo Novos Cinemas, a música de Jack & Jack DJ., a presentación do proxecto de intercooperación empresarial de "Pontevedra ten un Puntazo" e o "Canta-roteiro" sobre a cidade.

Xa este domingo o protagonismo foi da Xeración Sónica, o programa de Xuventude para promover a creación artística. Tamén houbo improvisación de teatro, musicalización dos poemas do pontevedrés Jorge Cuña a cargo do grupo Moloch, a presentación das Núbebes, o festival de artes escénicas para bebés e familia, e de remate informouse ao público do proxecto Leiras do Lérez: Comercio de proximidade.

Por outra banda, o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, proxecto tamén pertencente ao Concello, empregou o Espazo Libro do Cultural para levar a cabo as presentacións do calendario do Salón coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a do libro "O bestiario científico de Anxos Nogueiroa" de Antonio Manuel Fraga, gañador do primeiro Premio María Victoria Moreno convocado polo Concello de Pontevedra e Urco Editora e, finalmente, presentouse ao autor homenaxeado do XX Salón, Antonio García Teijeiro.

Arquivado en