Ata o 20 de outubro permanecerá aberto o prazo para apuntarse a Xeración Sónica

Pontevedra
09 de outubro 2023

Violeta Mosquera, mentora do proxecto, e Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, presentaban a sexta edición de Xeración Sónica, unha proposta para impulsar a música entre mocidade con idades comprendidas entre 13 e 16 anos. Nesta edición colaborarán con Local de Música para ampliar a titorización das bandas musicais que participan nesta actividade

Demetrio Gómez e Violeta Mosquera presentan a sexta edición de Xeración Sónica
Demetrio Gómez e Violeta Mosquera presentan a sexta edición de Xeración Sónica / Mónica Patxot

A partir do 2 de novembro regresa Xeración Sónica, un proxecto que impulsa a música e os proxectos audiovisuais entre bandas locais integradas por mocidade con idades comprendidas entre os 13 e os 16 anos

A inscrición permanecerá aberta desde o martes 10 ata o 20 de outubro e vai destinada a mozos e mozas que teñan algún coñecemento musical e ganas de participar nesta proposta creativa.

Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, e Violeta Mosquera, unha das mentoras do proxecto, presentaban este luns a sexta edicicón de Xeración Sónica que este ano ofrece unha novidade ao colaborar co Local de Música para que as bandas que participaron durante a anterior edición ensaien neste espazo. 

Esta solución pretende que "a adaptación sexa máis suave" para as novas bandas, explicaba Demetrio Gómez indicando que a intención é que o ecosistema creativo da cidade se amplíe. 

Violeta Mosquera indicaba que se trata de "un paso máis para garantir a supervisión dúas proxectos. Cando a titorización remata é complicado continuar". Explicou tamén que a idea é aumentar a colaboración con Local de Música para conseguir máis concertos e actividades culturais.

Da anterior edición continuarán en Xeración Sónica as bandas Les Poubelles, Ornitorrincos, Vermes e Rek, ás que se sumarán dúas novas. Pola súa banda, Simpsonhead e Malo Será, que tamén formaban parte desta acción, pasarán a seguir vinculados ao proxecto a través desa titorización ao incorporarse a Local de Música. "Decidimos que se poidan vincular con eses folgos que trasladamos porque cando emprendes só a aventura todo custa máis", destacou Violeta Mosquera, engadindo que no proceso creativo os "atascos" máis habituais aparecen coas letras "porque son moi tímidos". 

Durante os cinco anos previos Xeración Sónica contou coa participación de 110 mozas e mozos, máis de 20 documentos audiovisuais publicados en redes sociais, con 48 cancións e a publicación de catro discos recompilatorios, o último será presentando antes do Nadal deste ano.