'Askja', de Antonio Manuel Fraga, obtén o Premio Pinto e Maragota coa historia dun romance entre mulleres

Pontevedra
26 de novembro 2024

O autor de Pontedeume recibirá 3.000 euros e a obra será publicada en xuño de 2025 na colección Narrativa da editorial Xerais. Este martes presentábase o premio que outorga o Concello de Pontevedra para visibilizar a diversidade sexual e afectiva

Sara Vila, Antonio Manuel Fraga, gañador do premio Pinto e Maragota, e Anabel Gulías
Sara Vila, Antonio Manuel Fraga, gañador do premio Pinto e Maragota, e Anabel Gulías / Mónica Patxot

O escritor Antonio Manuel Fraga resultou gañador da cuarta edición do Premio Pinto e Maragota coa súa obra 'Askja', unha novela destinada ao público adulto que combina romance, mitoloxía e reflexións sobre a diversidade sexual e afectiva.

O anuncio realizouse nun acto no Concello de Pontevedra coa intervención de Anabel Gulías, concelleira de Igualdade de Pontevedra, e Sara Vila, responsable de comunicación de Editorial Xerais, colaboradora no certame, ademais do autor.

O galardón está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra na colección Narrativa de Xerais, prevista para xuño de 2025.

A obra ''Askja'' sitúase en Islandia, nun contexto de confinamento provocado pola erupción do volcán que dá título a esta narración.

A trama, cargada de tenrura e humor, narra o romance entre dúas mulleres, Ana e Karen, que se desenvolve nun escenario cheo de simbolismo, marcado pola mitoloxía islandesa e unha profunda reflexión sobre a sexualidade feminina.

A través dun xogo de sedución pola palabra, a protagonista, Ana, inicia unha viaxe interior que transforma a súa vida. Trátase o desamor, a reclusión ou a nostalxia con "historias que se sobrepoñen como capas de Photoshop", indicaba Antonio Manuel Fraga.

O xurado tamén destacou a alta calidade das 33 obras presentadas ao certame, mencionando especialmente os títulos 'Auga mares' e 'Dúas letras agochadas na cabeza', segundo relataba Anabel Gulías.

Este premio, pioneiro en recoñecer a literatura LGTBI en Galicia, tal e como explicaba Sara Vila recolle historias e personaxes "que sempre estiveron aí, pero por non ser hexemónicos quedaban fóra".

Desde a editorial tamén agradecen o traballo de Eva Mejuto, coordinadora do premio, e Sara Vila quixo destacar a delicadeza con que 'Askja' aborda cuestións íntimas e universais.

Antonio Manuel Fraga, que xa obtivera en 2018 o Premio de Narrativa Xuvenil María Victoria Moreno do Concello de Pontevedra con 'O bestiario científico de Anxos Nogueirosa', reafirma con esta obra a súa posición como unha das voces actuais con máis recoñecemento na literatura galega, tras vencer tamén no XII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e no Premio Follas Novas ao Mellor Libro Xuvenil 2021.

'Askja' preséntase como unha reflexión profunda e poética sobre o desexo, o capitalismo e as múltiples capas de identidade onde, segundo o escritor, "fálase moito de homes", reflectíndose o autor como o home que foi, que é e que teme ser.

O escritor Antonio Manuel Fraga
O escritor Antonio Manuel FragaMónica Patxot