Así será o inicio do "mes" das Letras Galegas en Vilagarcía

O Salnés
04 de maio 2023

A partir deste venres a concellería de Cultura de Vilagarcía porá en marcha unha programación de actividades que se desenvolverá ao longo do mes de maio para conmemorar a Francisco Fernández Del Riego no Día das Letras Galegas

Presentación da programación das Letras Galegas
Presentación da programación das Letras Galegas / Concello de Vilagarcía - Arquivo

A partir deste venres a concellería de Cultura de Vilagarcía porá en marcha unha programación de actividades que se desenvolverá ao longo do mes de maio para conmemorar a Francisco Fernández Del Riego no Día das Letras Galegas.

A filóloga Cruz López dará comezo á cita do 5 de maio coa presentación do coloquio 'Del Riego e o seu tempo político e cultural', que se efectuará na sala de conferencias do Auditorio ás 19:00 horas. Os filólogos Emilio ínsua e Patricia Arias intervirán para falar da actividade cultural, social e política de Fernández Del Riego. Será o biógrafo e autor Antón Mascato o encargado de centrarse na traxectoria bibliográfica do escritor homenaxeado.

Coincidindo coa conferencia dos intelectuais, as persoas interesadas gozarán dunha mostra foto-bibliográfica do autor na sala de exposicións do Auditorio, que permanecerá en aberto ata o 31 de maio. O Concello lembra que os centros de ensino deberán xestionar as visitas guiadas a través do correo electrónico cultura@vilagarcia.gal.

A programación intensificarase nas vindeiras semanas con actividades como o XV Festival Folclórico Nós de Sobradelo ou a proxección do documental 'Negro e Púrpura' entre outros actos que se coñecerán proximamente.