O Festival SonRías Baixas desvelou a distribución por días dos artistas que participarán na súa vindeira edición, que se celebrará durante os días 3, 4 e 5 de agosto en Bueu, e na que o evento galego celebra o seu 20 aniversario.
O cartel, encabezado por Natos y Waor, La Pegatina e Macaco, aposta de novo por unha proposta musical ecléctica, na que teñen cabida xéneros tan variados como o rock, os sons urbanos, a electrónica, a rumba ou o ska e que completan máis de vinte artistas.
Ademais, dúas últimas confirmacións protagonizadas por dous artistas galegos -Ortiga e Pili Pampín e Lamatumbá- poñen o broche final a este line-up para conmemorar o seu vixésimo aniversario e no que, xa é habitual, combínanse artistas consagrados con décadas de traxectoria con talento emerxente a ter moi en conta.
A distribución final por días do SonRías Baixas 2023 é a seguinte: O xoves 3 de agosto: Boikot, Samuraï, Lendakaris Muertos, Santa Salut, 30s40s50s, ETS. O Venres 4 de agosto: Natos y Waor, Queralt Lahoz, Muyayo Rif, Tremenda Jauría, LiaKali, La Ganga Calé, Cool Nenas e o sábado 5 de agosto: La Pegatina, Macaco, Dubioza Kolektiv, Arde Bogotá, Ortiga e Pili Pampín, La Montagne&PicoAmperio, Grande Amore, Lamatumbá, María de Juan, Ninhodelosrecaos DJ.
A venda de abonos segue dispoñible na web do festival e a través de Enterticket.es. O proceso de compra inclúe a opción de engadir a zona de acampada, gratuíta, e situada a tan só 150 metros da praia e do propio festival, e que este ano como novidade estará aberta a partir do mércores día 2, a xornada previa a que a música comece a soar en Bueu. As entradas de día están dispoñibles a partir deste venres 28 de abril por 30 euros + gastos de xestión e non inclúen dereito de acampada (só teñen esta opción os abonos para os tres días de festival).