O Museo de Pontevedra ofrece este domingo nas súas redes sociais unha imaxe dunha botella de auga mineral do Balneario do Lérez, que se conserva na institución provincial, que depende da Deputación de Pontevedra.
A fama da auga embotellada procedente do Lérez obtivo fama por Europa e América grazas á iniciativa do galego Casimiro Gómez, un home nado en Viascón e que aos quince anos emigrou a Arxentina. Á súa volta de Bos Aires, tras gañar unha fortuna, comprou unha leira de setenta hectáreas en Monte Porreiro á que denominou 'Villa Buenos Aires' na que cultivo árbores froiteiras, viñedos e creou un espazo para a cría de gando.
Pero o seu gran proxecto foi a creación do Balneario do Lérez co obxectivo de rendibilizar as propiedades terapéuticas das augas dos manantiais mineiro-medicinais. En 1907 lograba o título de 'Provedor da Casa Real', tal e como se reflicte na única etiqueta que se conserva. No tapón da botella que se garda no Museo pode lerse 'Augas mineiro-medicinais de Lérez', baixo un selo con protección metálica en papel metalizado en prateado. Estas augas lograron éxito en diferentes exposicións internacionais e unha importante distribución no mercado arxentino, grazas a unha intelixente campaña publicitaria.
O Balneario creado en 1906 era un centro de encontro entre políticos como o marqués de Riestra, Montero Ríos, o ministro Canalejas ou lugar de visita para a infanta Elena de Borbón e Borbón, no ano 1914. Coa guerra civil, as instalacións quedaron parcialmente destruídas e hoxe consérvanse as ruínas.