Así é "Operación Marea Negra", a serie sobre o 'narcosubmarino' que Amazon estrea en febreiro

Pontevedra
27 de xaneiro 2022

A serie, rodada o verán pasado en diferentes localizacións das Rías Baixas -fundamentalmente na Illa de Arousa- e Portugal, está dirixida por Daniel Calparsoro e protagonizada por Álex González. Ten catro episodios de 50 minutos cada un

Álex González en "Operación Marea Negra"
Álex González en "Operación Marea Negra" / Amazon Prime Video

En novembro de 2019, as autoridades interceptaron nas Rías Baixas o primeiro 'narcosubmarino' detectado en Europa. No seu interior, máis de tres mil quilos de cocaína que cruzaran todo o océano Atlántico. Tres anos despois esta historia chega á televisión.

Faino da man de Amazon Prime Vídeo, que estreará o próximo mes de febreiro a serie Operación Marea Negra, protagonizada polo actor Álex González.

El dá vida a Nando, o patrón desta embarcación de construción artesanal, na que viaxaron tres homes que tentaron antepoñerse a todas as adversidades: tormentas, avarías, fame, pelexas e un constante acoso policial.

Nando é un galego campión de España de boxeo amateur e mariño experto sen recursos económicos, que se ve obrigado a buscar outros medios para gañarse a vida e acaba inmerso nunha perigosa alianza cos clans colombianos da droga.

A serie, rodada o verán pasado en diferentes localizacións das Rías Baixas -fundamentalmente na Illa de Arousa- e Portugal, está dirixida por Daniel Calparsoro. Ten catro episodios de 50 minutos cada un.

 

Xunto con Álex González, que xa rodou en Pontevedra a serie Vivir sin permiso, no reparto de Operación Marea Negra tamén están, entre outros, Nerea Barros (La isla mínima), Miquel Insua (La Unidad), Luis Zahera (El Reino) ou Carles Francino (Las chicas del cable).

Nuno Lopes (White Lines), Xosé Barato (Alba), Manuel Manquiña (Antes de la quema), Lúcia Moniz (Love Actually), Luís Esparteiro (Super Pai), David Trejos (Perdida), Leandro Firmino (Ciudad de Dios) ou Bruno Gagliasso (Marighella) completan o elenco principal.