As Xornadas Arte e Memoria lembran a Conde Corbal

Pontevedra
22 de abril 2023

"Pontevedra e Galiza manteñen unha débeda con Conde Corbal que hoxe apenas comezamos a pagar", manifestou a deputada de Memoria Histórica da Deputación, María Ortega

Xornadas Arte e Memoria adicadas a Conde Corbal
Xornadas Arte e Memoria adicadas a Conde Corbal / Deputación de Pontevedra

Este venres celebrouse a primeira das xornadas Arte e Memoria dedicadas ao artista pontevedrés Conde Corbal. 

Ademais de coñecer máis sobre as peripecias vitais e artísticas do autor, o departamento provincial de Memoria Histórica presentou o libro 'O fardel de guerra de Conde Corbal', unha edición de luxo cos seus gravados e textos de acompañamento, e abriu a exposición coas láminas máis senlleiras do ‘Fardel da guerra’ no Pazo Provincial ao abeiro do centenario do seu nacemento.

Segundo a responsable de Memoria da Deputación, María Ortega, espallar a obra e pensamento de Conde Corbal era "unha obriga" e "un desexo", dixo, pola súa capacidade de rexistrar e denunciar nas súas obras con "beleza" e "forza" a memoria histórica, todas as tipoloxías de represión imaxinables (persoas asasinadas, presas, fuxidas no monte, rapadas..), pero tamén os rostros dos verdugos e o seu xeito de proceder.

"Pontevedra e Galiza manteñen unha débeda con Conde Corbal que hoxe apenas comezamos a pagar", manifestou a deputada

O traballo realizado por Conde Corbal entre os anos 70 e 80 nas láminas de guerra apenas tivo acollemento na sociedade "tardamos case catro décadas en volver a darlle ao Fardel e ao propio Conde Corbal o protagonismo que merecía, pero na Deputación quixemos facelo por todo o alto xusto neste ano, centenario do seu nacemento".

Para finalizar, Ortega deu as grazas a cada unha das persoas que participaron "nesta xusta homenaxe": ponentes, creadoras de textos, deseñador, correctora e, sobre todo, grazas a Antón Mascato por coordinar tanto as xornadas como o libro e a exposición. Destacou, en calquera caso, que "o renacer da memoria contundente de Conde Corbal foi posible grazas a súa viúva, Margarita Escuredo, e a súa descendencia, a quen queremos dar as grazas".

Precisamente a familia de Conde Corbal, a través de Ana Corbal -filla do autor-, tamén aproveitou para reivindicar a figura do artista.

Sacando peito, agradeceu o recoñecemento que se está a facer estes días, mais pediu que non quede só na celebración do centenario, polo que tendeu a man ás institucións que "queiran conectar a identidade artística da Galicia do s.XX coa do s.XXI porque pensamos que ademais de rescatar un dos mellores artistas plásticos do século pasado, estamos a rescatar a historia de Galicia (...) e amosar a memoria ás novas xeracións".

A filla de Corbal homenaxeou á súa nai, Margarita Escuredo, de quen dixo debería ser a que participase no acto institucional, pero sinalou que "ten cen anos, e hai emocións que pesan demasiado".

"Gustaríame agradecerlle o decidir pertencer a esa exigua minoría de mulleres que ían por diante, polo ideal do estímulo constante, a crítica construtiva, a creatividade, a cultura, a intelixencia e o traballo; grazas por ser a nosa sensibilidade e a nosa liberdade; por 100 anos sendo luz, guía, sostén e amor. Por compartir connosco a emoción de saber algo máis sobre quen somos e ofrecermos xenerosamente o mundo no que medramos", subliñou.

Logo da apertura das xornadas tomaron parte o investigador e coordinador do libro editado pola Deputación en homenaxe a Conde Corbal, Antón Mascato, e a historiadora Aloia Ínsua, en representación das escritoras que realizaron os textos que acompañan as láminas na publicación provincial.

A sesión rematou coa proxección do documental 'María Casares. A muller que viviu mil vidas', e a intervención do director Xavier Villaverde (gañador dun Mestre Mateo este ano), quen explicou as motivacións que o levaron a escoller as ilustracións do ‘Fardel de Guerra’ de Corbal para ilustrar o discurso narrativo da súa peza audiovisual.

As xornadas Arte e Memoria continuarán este sábado.