As 'Visitas Cruzadas' ao Museo ábrense á arte íntima de Iria Pinheiro e literaria de David Cortizo

Pontevedra
15 de abril 2018

A actriz e o editor foron os protagonistas da segunda xornada de 'Visitas Cruzadas' ao Museo de Pontevedra, convertidos en guías de excepción para 50 persoas que se empaparon das emocións e historias ocultas na colección de arte contemporánea galega

Visitas Cruzadas no Museo con Iria Pinheiro e David Cortizo
Visitas Cruzadas no Museo con Iria Pinheiro e David Cortizo / Mónica Patxot

Pódese converter a arte e o Museo de Pontevedra nun libro? E pódese emocionar falando de arte desde a sinxeleza e a intimitade, sen artificios? A resposta é un rotundo si, e así se demostrou na segunda xornada das 'Visitas Cruzadas' ao Museo de Pontevedra impulsadas pola Deputación.

Nesta ocasión os 50 afortunados que esgotaron en poucos minutos as prazas dispoñibles puideron gozar dun percorrido polo Museo guiados pola actriz Iria Pinheiro e por David Cortizo, director de Urco Editora.

Foron dous percorridos desde unha formulación moi afastada pero á vez unidos por varios aspectos, como as súas relacións persoais coas pezas escollidas e tamén coa cidade de Pontevedra, e que ambos escolleron de entre os fondos museísticos a colección de arte contemporánea galega, cunha única excepción por parte de Pinheiro.

A actriz buscou un relato íntimo e sinxelo, pero tamén desde un punto de vista democratizador da arte, para achegalo a todos os públicos. Así comezou a súa visita por unha serie de azulexos copiados de deseños de Dalí e que foron encargados no seu momento por un empresario americano para ser vendidos nos grandes almacéns Macy's. Foi só o achegamento a un público no que buscou complicidade e contou como os seus avós celebraron as súas vodas de ouro no antigo Hotel Universal de Pontevedra, para que o pintouse a obra 'Bodegón' de Rafael Alonso Fernández.

Pasou tamén por unha escultura en madeira, 'Galicia nai e señora' de  Uxío Souto que mostra a unha patria "sempre poderosa e forte" á que "sempre me gustou ver así", e viuse reflectida na 'Escena de cabaré' de Arturo Souto porque "eu sempre me considerei cabareteira" debido ao seu traballo de actriz, dominando a escena. Un cadro cheo de matices, centrado nun bordel e con motivos marítimos, que lle evocou a unha poesía de Manuel Antonio e a unha canción de Joséphine Baker que non dubidou en compartir cos presentes.

Por último, a sinxeleza da 'Figura nun interior' de Gabino Rey en "unha escena case cinematográfica" que transmite multitude de emocións a través da xestualidad e os matices cunha sinxeleza que "fíxome pensar nos escasos momentos que hai agora de intimidade" debido ás redes sociais. De igual de simple e "elegante pero triste á vez" cualificou a súa despedida ante 'O gato na cadeira de brazos' de María Vitoria de la Fuente.

Da escenografía de Iria  Pinheiro á literatura de David Cortizo, e é que o director de Urco Editora fiouse á súa experiencia literaria para converter a arte e o propio Museo nun libro, elaborando un relato a través de artistas relacionados e relacionadas coa súa faceta profesional.

Así o seu paseo arrincou con 'Cabeza de muller negra' de Maruja Mallo, obra que converteu en portada da súa particular obra literaria, á vez que enxalzou á autora como "unha portada en si mesmo da súa xeración", que se revelou contra os roles establecidos no seu tempo.

'O baño' de Julia Minguillón serviu para desenvolver un relato da vida galega desde unha visión na que "non se aprecia miseria pero si que se intúe" sempre desde unha gran sensibilidade, cunha "ventá á realidade", relato que continuou desde a escultura en madeira 'Mouro', de Acisclo Manzano, que relacionou co mundo do teatro e coa que quixo homenaxear ao seu pai imaxinando a talla como un monólogo "con poucas luces, comprimido como se estivese atrapado nas súas orixes".

E do teatro á penúltima parada, o 'París tropical' de Berta Álvarez Cáccamo co que relacionou a arte abstracta e a poesía e que se converteu na contraportada do seu libro. O epílogo, a modo de información na tapa do libro non podía ser outra que a marabillosa vista da cidade desde o último piso do Museo de Pontevedra, outro motivo para visitalo, por se non houbese xa suficientes.

Superada a segunda parada das 'Visitas Cruzadas', a próxima quenda será para a comunicadora e actriz Nieves Rodríguez e o director da editorial Galaxia, Fran Castro, o domingo 22 de abril. As persoas interesadas en inscribirse para esta xornada poderán enviar un correo electrónico á dirección [email protected] a partir das 8.00 horas deste luns 9 de abril.