As verbas de María Victoria Moreno volverán resoar no seu instituto

O centro educativo organiza un acto académico de homenaxe á escritora, no que contarán coa presenza de personaxes ilustres como os integrantes da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey e Víctor Freixanes

Presentación do acto académico de homenaxe a María Victoria Moreno
Presentación do acto académico de homenaxe a María Victoria Moreno / Gabriela Varela Asorey

Desde que María Victoria Moreno foi seleccionada pola Real Academia Galega (RAG) como figura homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, o IES Torrente Ballester puxo en marcha un completo programa de actividades dirixidas a enxalzar a figura da que foi profesora do centro, entre os anos 1993 e 2002.

Este mércores presentábase un dos eventos clave do programa na biblioteca do Torrente Ballester, que leva o nome da escritora estremeña. O director, David Castro, deu as claves do acto académico de homenaxe que se celebrará o 4 de abril. La presentación fue realizada baixo o mural elaborado na honra da homenaxeada por un grupo de estudantes de 4º ESO, que lle valeu ao centro o premio do concurso-exposición Letras Galegas 2018.

Trátase dun evento que terá lugar no salón de actos do instituto ás 17.00 horas, e que contará coa presenza de personaxes ilustres como o ensaísta e poeta Xesús Alonso Montero, que será o encargado da conferencia inaugural, tras a intervención das autoridades asistentes. A continuación proxectarase un vídeo-homenaxe gravado no centro e producido por un ex alumno de María Victoria Moreno, Gaspar Broullón. 

Tamén se levará a cabo unha "mesa redonda" na que participarán, ademais de Xesús Alonso Montero, a escritora Fina Casalderrey, o tradutor Xavier Senín e o presidente da RAG, Víctor Freixanes. O acto clausurarase coa proxección dun conto inédito da autora homenaxeada. 

CONTO INÉDITO

O conto recóllese dun manuscrito orixinal, ilustrado e editado desde o centro no que impartiu clase e que a lembra con gran agarimo e admiración. O volumen será presentado posteriormente no Salón do Libro e non estará á venda, aínda que cada centro educativo de Pontevedra recibirá un exemplar.  

Á presentación do acto este mércores acudiu o concelleiro de Promoción Lingüística, Alberto Oubiña, que se mostrou "encantado" de colaborar con este tipo de actividades desenvolvidas nos distintos centros educativos do Concello. Unha iniciativa coa que, como sinalou o concelleiro, promóvese a lingua galega e a figura de María Victoria Moreno, unha "galega por amor" para a que se está desenvolvendo unha programación "moi xeitosa" desde o IES Torrente Ballester