As rúas de Pontevedra lembran a María Victoria Moreno

Pontevedra
06 de abril 2018

O roteiro dedicado á pontevedresa homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018 empeza este venres 6 de abril ás 19:30 horas, e está escrito por Fina Casalderrey e Ana Acuña con ilustracións de Ana Seoane

De esquerda a dereita: Ana Acuña, Ana Seoane, Alberto Oubiña, Fina Casalderrey e Roberto Rivas Reboredo
De esquerda a dereita: Ana Acuña, Ana Seoane, Alberto Oubiña, Fina Casalderrey e Roberto Rivas Reboredo

Con motivo da dedicación do Día das Letras Galegas á profesora María Victoria Moreno, o Concello decidiu elaborar un roteiro sobre esta autora que se suma aos xa existentes de Xoan Manuel Pintos, o Pai Sarmiento, os Bolechas e Castelao.

As encargadas de escribilo foron as autoras Fina Casalderrey e Ana Acuña, que o presentaron este venres 6 de abril no Concello xunto ao concelleiro Alberto Oubiña, a ilustradora Ana Seoane e o guía de rutas de normalización lingüística Roberto Rivas Reboredo.

Fina Casalderrey quixo agradecer especialmente ao departamento de normalización lingüística a oportunidade para escribir este roteiro, debido a que ela coñeceu persoalmente á homenaxeada.

A escritora describiu o percorrido como unha oportunidade para observar a evolución da cidade visitando algúns dos seus lugares máis emblemáticos relacionados con María Victoria Moreno, como o Liceo Casino, espazo no que se converteu na primeira muller en dar unha conferencia en galego.

CAMIÑADA

A camiñada comezará este venres 6 de abril ás 19:30 horas, coincidindo ademais coa inauguración do Salón do Libro. A ruta comezará desde a ponte da Avenida de Vigo, sendo a primeira en saír do casco vello, e contará con tres itinerarios: O recomendado, a versión reducida e unha versión estendida.

A asistencia é gratuíta e libre, tan só sendo necesario avisar enviando un correo a normalizacionlingüistica@pontevedra.eu ou ben chamando ao teléfono 986 804 300.