As redes sociais do Museo de Pontevedra permitirán visitar as instalacións "a porta pechada"

Pontevedra
08 de xullo 2020

Cada luns ás 09.00 horas realizarase unha entrega gravada en vídeo de visitas virtuais guiadas por persoal experto que ofrecerá detalles sobre salas, coleccións e obras do Sexto Edificio e do Sarmiento

'A porta pechada', proposta de visitas virtuais polo Museo de Pontevedra
'A porta pechada', proposta de visitas virtuais polo Museo de Pontevedra

A partir do luns 13 de xullo, aquelas persoas interesadas en coñecer con detalle as obras, salas e propostas do Museo de Pontevedra terán a oportunidade de facelo a través das redes sociais da institución a través da proposta denominada 'A porta pechada'.

A cita repetirase ás 09.00 horas todos os luns, xornada en que as instalacións están pechadas ao público por descanso, cunhapublicación en Facebook dun vídeo no que persoal experto pertencente a departamentos como Educación, Conservación, Restauración ou Dirección do Museo ofrecerá datos sobre unha sala ou unha obra exposta do Sexto Edificio e do Sarmiento.

O Retablo de Santa María; Epílogo, de Eliseo  Meifrén;  Recollendo  follas, de Manuel Colmeiro; Ronsel de Vilar de Sarria; Virxe nova e virxes vellas, de Roberto González do Blanco ou a colección Sargadelos serán as primeiras obras que se analicen durante as sesións iniciais.

Con esta proposta, o Museo busca achegarse ao público que consome cultura nas redes sociais ofrecendo contidos exclusivos, como vén realizando durante os últimos meses con iniciativas como O Museo en Familia ou sesións de Contacontos.