A terceira xornada de Novos Cinemas comezará no Museo de Pontevedra. Alí de 12 a 13.30 horas terá lugar o primeiro dos 'Encontros' desta quinta edición co director, guionista e montador Andrés Goteira, socio fundador da productora Gaitafilmes.
Neste encontro, falará do seu método de traballo e presentará, en exclusiva, as primeiras imaxes de "Welcome to ma maison", a súa primeira incursión no xénero do documental, un suxerente proxecto, que se atopa na actualidade en fase de postprodución.
"Welcome to ma maison" narra a historia de Igor Fernández, un actor que se afasta temporalmente da interpretación tras sufrir un colapso emocional. Despois deste feito, Igor comeza a escribir un libro sobre a linguaxe non verbal das mans na filmografía de Nicolas Winding Refn. Neste encontro Goteira estará acompañado polo actor e protagonista Igor Fernández.
Ás 12.30 horas comezarán as proxeccións dos filmes a competición da Sección 'Latexos' no Teatro Principal. A primeira quenda será para a estrea en Galicia de "La última primavera", de Isabel Lamberti (España), un filme que aborda o período de transición dos habitantes dun barrio de chabolas próximo a Madrid que son obrigados a abandonar os seus fogares. Esta película vén de pasar por festivais como o de San Sebastián ou a sección Acid de Cannes.
Xa pola tarde, o Teatro Principal acollerá ás 15.30 horas as proxeccións da Sección Oficial comezando por "Tal día hizo un año", a opera prima de Salka Tiziana. Esta película sitúase na paisaxe de Serra Morena en verán, nunha atmostera que conxuga calor extrema coa tensión emocional das personaxes.
Ás 18 horas proxectarase "Mosquito", de João Nuno Pinto, un filme bélico inspirado nas vivencias do avó paterno do director durante a Primeira Guerra Mundial.
A última sesión do día será ás 21 horas con "Ar condicionado", de Fradique, un dos directores máis talentosos do cinema angoleño contemporáneo. A música e o son guían ao espectador pola cidade de Luanda, que mostra a súa historia e a dos seus habitantes que intentan reconstruír as súas vidas despois da Guerra Civil. "Ar condicionado" foi gravada integramente en Angola polo colectivo Geraçao 80 e vén de pasar por festivais como IFFR de Rotterdam.
As entradas poden mercarse por internet a través de ataquilla.com (ata quince minutos antes de cada sesión) e tamén fisicamente na billeteira do Teatro Principal a partir de dúas horas antes do inicio de cada unha das sesións, tamén con peche de despacho de billetes unha hora antes do comezo do acto.