As previsións de choiva obrigan a adiar os Concertos do Viño de Barro

Barro
18 de xuño 2021

Esta decisión tomouse ante a imposibilidade de trasladar o evento a un lugar cuberto cumprindo coas normas de distanciamento social ditadas polas autoridades sanitarias. O Concello anunciou que xa está buscando novas datas para a realización deste evento e anuncia que valerán as mesmas entradas

Luar na Lubre na Festa do Mar
Luar na Lubre na Festa do Mar / Diego Torrado

As previsións de choiva para este sábado 19 e este domingo 20 de xuño levaron ao Concello de Barro a tomar a decisión de adiar os Concertos do Viño programados para esta fin de semana.

Segundo informou o Concello, esta decisión tomouse ante a imposibilidade de trasladar o evento a un lugar cuberto cumprindo coas normas de distanciamento social ditadas polas autoridades sanitarias. 

O Concello anunciou que xa está buscando novas datas para a realización deste evento e anuncia que valerán as mesmas entradas que a poboación xa retirou para os concertos agora adiados. 

Os Concertos do Viño inclúen este ano a actuación do grupo Luar na Lubre -prevista para este sábado ás 22:00 horas-, o espectáculo para público infantil de Píscore -programada para o domingo ás 12:00 horas- e o concerto da Banda xuvenil de Barro con Suso Vaamonde -domingo ás 20:00 hora.

As actuacións son gratuítas e con ocupación limitada. Co obxectivo de extremar as precaucións e de realizar unha actividade segura e sen riscos, utilizarase un sistema de control no que as cadeiras estarán numeradas e separadas por sectores e no que os asistentes terán que achegar os seus datos persoais á hora de recoller as entradas coa finalidade de ser contactadas se fora necesario.