A produción teatral de Baobab Teatro, 'Ás para Álex', foi unha das 47 obras seleccionadas de entre máis dun millar para participar na 25 edición da Feira de Castela e León. A compañía pontevedresa actuará o día 27 ás 11:00 horas no Teatro Nuevo 'Fernando Arrabal'.
Nesta edición, así coma nos anos anteriores, daranse cita compañías españolas e doutros países europeos, abarcando os máis variados xéneros e estilos, entre os que están o teatro clásico, rúa, musical, danza, teatro de obxectos…
Este ano, ademais de Baobab, estarán dúas compañías teatrais galegas: 'A Panadería' e 'Sarabela Teatro', que participarán nunha feira que este ano alcanza a súa 25 edición e é unha das máis importantes de España e todo un referente a nivel internacional.
Baobab Teatro acude con 'Ás para Álex', unha peza comprometida, divertida e cargada de verdade e tenrura, tocando unha temática moi delicada como o cancro infanti e a necesidade dun sentimento de esperanza como unha menciña máis para superar esta enfermidade e o importante que é topar persoas no camiño que nos conviden a soñar.
É un espectáculo de monicreques, teatro de actores e obxectos para nenos e nenas a partir de 5 anos e maiores que conta a historia de Álex, un neno de 8 anos ao que lle encanta correr, xogar, quedar cos amigos, ir ao parque e xogar ao fútbol, pero un día Álex ten que deixalo todo, porque o seu corpo non responde, non camiña e enfádase co mundo e asáltalle o 'por que'.
A obra está dirixida por Andrea Bayer e Óscar Ferreira, sobre o escenario estarán Cora Velasco, actriz e cantante, así como Xosé Manuel Esperante, actor tanto de teatro como de audiovisual, ámbolos dous pontevedreses. Daniel Abalo é o encargado do deseño de luz e son, Óscar Ferreira da escenografía e o guión é de Andrea Bayer.