As mulleres comprometidas, protagonistas centrais no 15 aniversario de Cantos na Maré

Pontevedra
30 de agosto 2019

Entre o 13 e o 15 de setembro, este festival de música acollerá máis de 20 concertos de artistas de oito países. Mayra Andrade, Martirio, Carmen París, Uxía, Ugía Pedreira ou María Joâo, entre outros, actuarán en diversos escenarios da cidade

CANTOS NA MARE / PontevedraViva

Cantos na Maré celebra 15 anos de existencia e faino cunha visión aperturista cara a achegar a cultura galega a outras fórmulas musicais de diversos continentes. Os días 13, 14 e 15 de setembro, Pontevedra acollerá 20 concertos con artistas de oito países, ademais de diversas actividades complementarias.

Os espectáculos e as accións van desenvolverse en diversos espazos como o Pazo da Cultura, o Teatro Principal, a praza da Pedreira, a libraría Paz, o Museo de Pontevedra e outros puntos da cidade.  

Este venres presentábase na praza de Ourense a programación do evento coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; Jacobo Sutil, director de Agadic; Carme da Silva, concelleira de Festas; Vítor Belho, director de Nordesía; Uxía, directora artística de Cantos na Maré e José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra.

Mayra Andrade será unha das principais estrelas deste festival. A cantante caboverdiana, que realiza pop tropical actuará o sábado 14 de setembro ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. Presentará o seu último álbum, 'Manga'. Uxía explicou que se trata dun disco gravado en París e combina sons urbanos, con afrobeat e aromas tradicionais.

O domingo 15 de setembro, ás 20.30 horas, chega unha das actuacións máis destacadas. Será'Enredadas: Coplas e Alalás', unha combinación de voces de catro mulleres con estilos singulares como Martirio, co seu jazz flamenco; a tradicional Uxía; a enerxía de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira. Uxía comentaba que seguramente haberá outras artistas invitadas nun concerto de intensidade sonora.

Nesa xornada do domingo 15, o Teatro Principal acollerá o recital de María Joâo acompañada polo pianista arxentino-brasileiro Pablo Lapidusas. A cantora de jazz portuguesa amosará a súa mestura de estilos e a súa gran capacidade de improvisación. Ao mesmo escenario tamén se vai subir a partir das 18.00 horas Clara Peya, unha das creadoras máis orixinais do panorama musical.

O Museo de Pontevedra convértese tamén nun espazo integrado nestes Cantos da Maré. Alí o venres 13, a narradora Vero Rilo presentará 'Apatacón', acompañada pola cantante de De Vacas, Faia Díaz. Magín Blanco, ao día seguinte, ofrecerá a aventura 'Camiños' en horario matinal, mentres que durante a tarde se levará a cabo un roteiro polo Museo e un concerto de piano de Brais González. Xa o domngo, Antón Reixa, ás 11.30 horas, levará a cabo a súa performance poética 'Melancoholemia'. 

A Libraría Paz acollerá a presentación do libro de Xurxo Souto, 'Sindo de Olelas' e o de 'Guadi Galego, pola beira da canción', de Pepe Cunha, coa presenza da cantante.

A praza da Pedreira vai converterse tamén en centro de espectáculos con actuacións como a de Laura Lamontagne, que na presentación interpretou dous temas; Cantos de Taberna, Zeltia Irevire, Bia Ferreira, Moahmmed Yahya ou Assa Matusse, entre outros.

Toda a programación pode consutarse nesta ligazón

Durante a presentación tanto Uxía como a concelleira Carme da Silva destacaron o protagonismo de mulleres comprometidas e loitadoras neste evento. Pola súa parte, o conselleiro de Cultura lembrou que o festival inclúese no FestGalicia e que a Xunta de Galicia investíu máis de  20.000 euros para a súa realización.