As máquinas xa están en marcha no inicio do Salón do Libro

Pontevedra
02 de marzo 2013

Ao acto de inauguración que se desenvolveu no Pazo da Cultura asistiron o alcalde de Pontevedra, a concelleira de Cultura e a escritora homenaxeada nesta edición, Marilar Aleixandre

O Pazo de Cultura vístese de literatura infantil e xuvenil durante as próximas tres semanas. O Salón do Libro arranca na súa décimo cuarta edición e faino combinando máquinas e imaxinación literaria. E así, os nenos que protagonizaron o acto inaugural engadiron un enchufe ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que fronte ao atril apuntou: "A ver como falo eu con isto". Tamén a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, tivo que integrarse nun atrezzo de cartón que simulaba un televisor. Ambos os dous referíronse á literatura como un enorme aparato "non que collen o resto de aparellos do mundo".

Tras unha breve presentación na que non faltou a xa tradicional mascota deste Salón, o Lobo Orbil, os nenos acompañados polos seus familiares percorreron os espazos decorados para esta edición. As salas en cuxa creación colaboran os alumnos de Belas Artes e da Escola de Canteiros reconstrúen máquinas de escribir, cabinas con instrumentos eléctricos e estruturas mecánicas. Os cuentacuentos de Pavís Pavós iniciaron xa as súas sesións ás que os nenos atendían con entusiasmo.

A partir de hoxe numerosas actividades relacionadas co teatro, a música, a literatura e a ilustración desenvolveranse nestes espazos.

O alcalde pontevedrés lamentaba que a Xunta de Galicia diminuíse a súa axuda ao Salón e que obrigou a reducir nunha semanaa súa duración ademais de imposibilitar a súa proxección para toda a comunidade. Lores manifestou que este evento é un dos logros dos que se sente máis satisfeito durante o seu mandato "xa que ten repercusión na actividade privada e económica. Non debe ser alleo o feito de que en Pontevedra teñamos dúas editoriais de referencia internacional, Kalandraka e OQO, dedicadas á literatura infantil".