O 23 de abril, Día do Libro, trece librerías de Pontevedra levarán a cabo diferentes actividades relacionadas coa promoción da lectura e realizaranse descontos dun 10% en todas as compras. Trátase dunha das iniciativas que terá lugar co apoio do Concello de Pontevedra.
Este xoves presentábase no Concello o cartaz para esta celebración, que contén un rueiro da cidade coa localización destes establecementos comerciais e as actividades que se desenvolverán en cada un deles.
Desta forma vai levarse a cabo desde un encontro co autor e contador Chema Heras na Librería Seijas a café con libros con encontros entre escritores e xornalistas, sesións de conta contos, sorteos de libros ou firmas de cómics a cargo de Adrián Morgade, entre outras propostas.
Durante a presentación, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, destacaba a boa relación e camadería que existe entre os responsables das librerías da cidade para acometer estes proxectos conxuntos. Neste sentido coincidían Luz Gallego, Víctor Manuel Villaverde, Mariña Couto, Erica Martínez, responsables de librerías da cidade. Sinalaban que sopesan a creación dun colectivo que defenda os intereses destes negocios pontevedreses, xa que a Federación de Libreiros de Galicia apenas teñen en conta as súas necesidades.
As actividades do 23 de abril relaciónanse co Salón do Libro, que finaliza o domingo 29 deste mes e coa Festa dos Libros, que se celebrará na súa segunda edición durante o mes de xuño. Unha proposta que durante 2017 resultou moi satisfactoria para as librerías que participaron.
Luz Gallego, de Seijas, apuntaba que o modelo de cidade está a ser un factor importante no incremento de librerías en Pontevedra, a diferenza do que sucede na maioría das cidades. "Ao ir a pé de rúa é máis fácil que a clientela decida entrar ao ver o escaparate", indicou.
PREMIO DE NARRATIVA XUVENIL MARÍA VICTORIA MORENO
O 23 de abril tamén se fallará o premio de Narrativa Xuvenil María Victoria Moreno. Dos 31 orixinais recibidos seleccionáronse once para que o xurado tome unha decisión na fase final.
O Concello outorgará á persoa gañadora un premio de 4.000 euros.