María Victoria Moreno elixiu Pontevedra "por amor" e, con motivo do Día das Letras Galegas que levará o seu nome, a súa cidade converterase nun recordo constante da dilatada traxectoria persoal e profesional desta docente e escritora de orixe estremeña e a súa notable achega ao galego e á súa literatura.
A Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia celebrarán en Pontevedra os actos centrais do Día das Letras Galegas. A esta programación uniranse as actividades que impulsa o propio Concello de Pontevedra e colectivos culturais da cidade.
O Teatro Principal de Pontevedra acollerá, a partir das 12.30 horas, unha sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega, con motivo do Día das Letras Galegas que se dedica a María Victoria Moreno.
Tres académicos moi vinculados á autora por distintas razóns, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Xesús Alonso Montero, intervirán no acto para ofrecer tres miradas persoais á vida e á obra da autora.
O acto, aberto ao público ata completar aforamento, concluirá coa intervención do presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes.
A Xunta de Galicia, pola súa banda, renderá homenaxe a María Victoria Moreno cun acto institucional que se celebrará no instituto Torrente Ballester, onde a escritora exerceu a docencia durante anos e ata a súa xubilación.
A música e a obra da autora serán o fío condutor dun acto que estará presidido polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e no que participará a familia da escritora.
A súa neta lerá un poema da obra "Elexías de luz", a súa filla intervirá para lembrar a figura da súa nai e Adrián Torres, músico e familiar de María Victoria Moreno, interpretará unha peza musical baseada noutro poema da escritora.
A parte artística desta homenaxe terá como protagonista ao dúo formado por Rosa Cedrón e Emilio Rúa, que adaptaron para a ocasión "Cantiga", un poema de María Victoria Moreno.
O acto incluirá a inauguración dunha placa conmemorativa en recoñecemento ao labor docente de María Victoria Moreno e a súa contribución á lingua e á literatura galega.
Un día antes, este mércores 16 de maio, o Consello da Cultura Galega levará ao auditorio de Afundación de Pontevedra o seu tradicional "Concerto das Letras", evento para o que xa están esgotadas as entradas.
Maximino Zumalave dirixirá neste concerto á Real Filharmonía de Galicia, que coa soprano Anaís G. Fernández Cerneira e os coros Sólo Voces, Collegium Compostellanum e o Coro de Cámara Rías Baixas, interpretarán un repertorio de marcada raíz galega e literaria.