As letras galegas dedican o seu gran día a María Victoria Moreno e o seu "compromiso" con Galicia

Pontevedra
17 de maio 2018

Unha muller que protagonizou unha "proeza intelectual", mostrando un "insólito" compromiso cívico e literario co galego nunha época, en pleno franquismo, que esixía pola súa banda "convencemento fondo, afouteza e clara determinación". Así describiu Xesús Alonso Montero a María Victoria Moreno, a autora á que se dedica o Día das Letras Galegas

Plenario da RAG en Pontevedra no Día das Letras Galegas de María Victoria Moreno
Plenario da RAG en Pontevedra no Día das Letras Galegas de María Victoria Moreno / Diego Torrado

Unha muller que protagonizou unha "proeza intelectual", mostrando un "insólito" compromiso cívico e literario co galego nunha época, en pleno franquismo, que esixía pola súa banda "convencemento fondo, afouteza e clara determinación". Así describiu Xesús Alonso Montero a María Victoria Moreno, a autora á que se dedica o Día das Letras Galegas.

Fíxoo no transcurso da sesión extraordinaria que o plenario de Real Academia Galega (RAG) celebrou no Teatro Principal de Pontevedra, un lugar a cuxa beleza, segundo lembrou a académica Fina Casalderrey, a súa amiga íntima, María Victoria Moreno "aferrouse enseguida" e que acabou convertendo na súa cidade de acollida.

Alonso Montero, que mantivo unha estreita relación con María Victoria Moreno tras coincidir como docente en Lugo nos anos 60, sinalou na súa intervención que a autora foi unha docente "entusiasta e entregada" e unha "intérprete sagaz" de obras en galego.

Anos despois de chegar a Galicia, engadiu, era unha autora que escribía "en galego desde dentro do galego", idioma do que adquiriu un "admirable dominio" do seu léxico, da súa gramática e das súas expresións que a converteron "non só en escritora, senón en apoloxista e reivindicadora do galego".

O seu labor, segundo o académico, protagonizou un "acontecer cultural" que, en pleno franquismo, "non tiña precedentes", desenvolvendo un "apostolado lingüístico" que provocou un "enfado" entre moita xente "ben pensante".

A académica Marilar Aleixandre, pola súa banda, reflexionou sobre o dilema que, como moitas outras mulleres, tivo que afrontar a propia Maria Victoria Moreno ao decidir entre dedicarse ás artes ou a ser ama de casa, cando a autora " viuse obrigada a escoller entre pasar o ferro ou escribir".

Na súa intervención ante o plenario da RAG, Aleixandre destacou que a pesar dese conflito, María Victoria Moreno logrou protagonizar unha obra narrativa e ensaística "de gran calidade" e contribuír coa súa escritura e co seu "compromiso" á defensa da lingua galega e á consolidación da literatura infantil e xuvenil.

Moreno que, lembrou a académica, carecía de "espazo propio" na súa casa para escribir, "adoitaba escribir de madrugada" na mesa da cociña e despois pasaba os seus textos a máquina "en calquera sitio que estivese libre", xa que a súa escritura estaba sempre "subordinada" ao benestar e aos coidados da súa familia.

A este respecto, Marilar Aleixandre apuntou que a autora se dedicou a "desarmar estereotipos" nas súas obras e a cambiar representacións sociais que "limitaban" os roles e actividades das mulleres, algo que logrou "en circunstancias non sempre doadas ".

Tras ela, Fina Casalderrey definiu á autora na súa intervención como "un vento da terra que, polo seu compromiso no vivir, adquire a nacionalidade galega en tempos nos que o vento non é precisamente brisa".

A académica fixo un amplo repaso á obra da homenaxeada, que foi relacionado cos acontecementos máis importantes da súa vida e na que, dixo, vese "o rastro dese amor pola palabra" e o seu "compromiso inquebrantable" co galego.

A súa vinculación con Pontevedra, engadiu, marcou unha traxectoria que iniciou en 1973 coa edición de "Mar adiante", un libro que "se sumou á causa dos pioneiros en abrir as portas da literatura galega ao mundo", buscando "novas formas de contar" e tratando de conquistar a novos lectores.

O presidente da RAG explicou que a obra de María Victoria Moreno "contaxiou" a paixón pola literatura e a conciencia lingüística a varias xeracións

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, foi o encargado de clausurar un plenario que contou, entre outros, coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Freixanes celebrou a boa saúde" da que goza a celebración do Día das Letras Galegas e o "debate importante" que se xera cada ano cando os académicos deben decidir a quen se dedica esta celebración que, de cara ao 2019, "hai xa quince candidaturas enriba da mesa".

Tras destacar o seu papel como docente, o presidente da RAG explicou que a obra de María Victoria Moreno "contaxiou" a paixón pola literatura e a conciencia lingüística a varias xeracións "sementando un futuro" para o idioma galego. 

Ademais, Freixanes tamén destacou que nacendo e formándose fóra de Galicia acabou descubrindo "este país, a súa xente e a súa lingua" e se comprometera "decisivamente" na súa difusión. "Non sei se é mérito dela ou do país, que somos capaces de seducir e incorporar voces á causa común do galego, de fóra e de dentro da casa", sinalou.