As 'laranxas máis laranxas' de Carlos Casares volven ao teatro da man do Centro Dramático Galego

Pontevedra
15 de outubro 2014

Uns 900 escolares poderán gozar do espectáculo este venres 17 de outubro, ás 10.00 e 12.00 horas no Centro Social de Afundación. Pero a longa lista de espera para asistir a esta representación animounos a programar unha terceira función, aberta ao público, para o sábado 18 ás 18.00 horas

Escena de "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas", do Centro Dramático Galego
Escena de "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas", do Centro Dramático Galego / Centro Dramático Galego

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, a nova obra do Centro Dramático Galego chega a Pontevedra. E farao por partida dobre. Uns 900 escolares poderán gozar do espectáculo este venres 17 de outubro, ás 10.00 e 12.00 horas no Centro Social de Afundación. Pero a longa lista de espera para asistir a esta representación animounos a programar unha terceira función, aberta ao público, para o sábado 18 ás 18.00 horas.

A peza de teatro que Carlos Casares, unha das figuras máis prolíficas e polifacéticas da literatura galega contemporánea, dirixiu ao público infantil recupérase da man do Centro Dramático Galego para ofrecer a unha nova xeración de nenos e nenas un dos clásico modernos da dramaturxia galega.

Argumento: No limoeiro de Anxa e Elías xermolaron cinco laranxas xigantes. Unha delas explota cando Elías a toca. Co estrondo, os veciños acoden desencadeando anécdotas insólitas, disparatadas e divertidas cos donos da horta, o Veciño da Escopeta, o Gordo, o Toneladitas, a Veciña Sabida, a Desdentada, o Ovo e a galiña Petra como protagonistas.

Esta montaxe de teatro e música para toda a familia ofrécelles aos espectadores un nova aproximación sobre a obra e o espectáculo que a compañía pública galega xa levara a escena hai dez anos. Agora, o CDG volve homenaxear o autor ourensano con esta revisión do seu texto, para a que conta de novo co luso-brasileiro José Caldas na dirección escénica e con Bernardo Martínez na musical e na composición.

Esta nova produción está interpretada por un novo elenco de seis actores e actrices (Alba Branco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde). Todos eles foron seleccionados entre os máis de 80 aspirantes que participaron nun proceso de audicións públicas, durante o que tiñan que demostrar as súas calidades como actores, cantantes e músicos.

Esta recreación, para a que se recupera a escenografía e o vestiario deseñados no seu día pola portuguesa Marta Silva, constrúese a partir de novas achegas musicais e interpretativas que buscan descubrir máis matices e dotar dunha maior profundidade aos personaxes creados por Carlos Casares.

O espectáculo reúne nun só acto todas as expresións artísticas, con elementos, que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal pasando pola comedia da arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo. Ao tempo, mantense fiel a toda a obra infantil de Casares, de modo que esta versión teatral de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas integra harmoniosamente o conto A galiña azul, así como outros textos do escritor ourensano que se emprega nas letras das súas cancións.

As entradas para o pase do sábado, que teñen un desconto do 50% no seu prezo habitual, pódense adquirir a través das canles habituais de Afundación en www.servinova.es ou ben no despacho telefónico no 902 504 500.