Sete casos de violencia de xénero en primeira persoa. Ese era o fío condutor do libro Invisibles, escrito pola xornalista Montse Fajardo e que serviu como eixo central da campaña do Concello de Pontevedra para o 25 de novembro, o día internacional contra a violencia sobre as mulleres. Agora, o libro dá un paso máis e será levado ao teatro.
Serán tres actrices, Sheyla Fariña, Mela Casal e Nieves Rodríguez, as que encarnarán ás protagonistas destas historias. Farano baixo a dirección de Marián Bañobre. A súa estrea será o próximo 15 de novembro no Teatro Principal de Pontevedra.
Así o sinalaron as súas responsables na presentación do proxecto, na que tamén estiveron o produtor Guillermo Carbajo, a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, e a propia autora do libro.
Sheyla Fariña, actriz coñecida polo seu traballo en series como Serramoura ou Acacias 38, recoñeceu que leva anos interesándose pola violencia de xénero, unha realidade que dixo vivir de preto. Viu en Invisibles "un camiño para reflectir e loitar contra unha lacra social que nos atinxe a todas", polo que buscou como trasladalo ao teatro.
Neste camiño atopouse con Marián Bañobre, directora que entende o teatro "non só como divertimento senón como acción social".
Respecto ás vítimas que aportan a súa testemuña e as familias das que non poden contalo en primeira persoa é a única esixencia posta por Montse Fajardo para dar luz verde ao uso de Invisibles, unha esixencia que é autoesixencia para as responsables desta montaxe teatral.
A obra está coproducida por Redrum Teatro e o Concello de Pontevedra. Será un espectáculo para maiores de doce anos polo contido dalgunha das historias que se presentarán.
Con ela, búscase reflexionar sobre a inexistencia dun perfil típico entre as mulleres que sofren a violencia machista e a invisibilidade dos agresores fronte a exposición das vítimas ante a sociedade.