O parque da Xunqueira de Vilagarcía acollerá este sábado o concerto de Revólver, un dos actos "máis esperados" da programación feita arredor da celebración de Santa Rita. A entrada é gratuíta.
O grupo liderado Carlos Goñi actuará a partir das 23:00 horas dentro da súa xira 'Adictos a la Euforia', unha "declaración de intencións, cun título contundente e sen nostalxia, que convida a ver as cousas dende outra perspectiva diante dos tempos convulsos e cheos de incertezas nos que vivimos".
Tal e como explicó o líder do grupo, este último traballo "conta unha historia tan verídica como absurda, ata o punto que podería ser escrita por Berlanga e Azcona. Todo polo aire a cambio dun minuto de gloria, dun momento máxico que nos leve ata ese mundo de euforia do que a ninguén nos gustaría saír e que todos soñamos con alcanzar. Pero claro, sempre hai un prezo: o que cada un estea disposto a pagar. Nin máis nin menos".
MÁIS ACTIVIDADES
Ademáis do concerto de Revólver, desde as 10:00 horas desenvolverase no Estadio Municipal de Santa Rita o II Torneo de Rugby 7, aperitivo para, a partir das 11:00, abrir a xornada matinal da Feira Celta, onde haberá postos de artesanía, alimentación, obradoiros, xogos infantís tradicionais e pasarrúas.
Ás 22:00 desenvolverase a cerimonia de vodas celtas e ás 23:30 pechará o mercado, media hora despois de iniciado o concerto de Revólver. Os grupos Trasnos, de Guillán, e Mocidade da Torre 83 animarán as rúas da cidade en distintos momentos do día.