As entradas para o FICBueu xa están á venda

Bueu
26 de agosto 2023

As entradas e abonos para desfrutar das películas do Festival Internacional de Cinema de Bueu poden comprarse desde este mediodía e a través da páxina web do festival. As persoas que prefiran comprar as súas entradas fisicamente poderán facelo no Centro Social do Mar entre o 4 e o 7 de setembro das 18 ás 20 horas

Público nunha das proxeccións do FICBueu
Público nunha das proxeccións do FICBueu /

As entradas e abonos para desfrutar das películas do Festival Internacional de Cinema de Bueu poden comprarse desde este mediodía e a través da páxina web do festival.

Para obtelas, basta con acceder á tenda en liña, elixir unha ou varias sesións, escoller asentos, e proceder a pagar con tarxeta de crédito. 

A venda electrónicaéuna das novidades desta nova edición do FICBUEU apostando pola dixitalización do seu proceso de venda de entradas e reducindo drasticamente o consumo de papel. Ao efectuar a compra en liña, a seguidora ou seguidor do evento recibirá no seu correo electrónico o xustificante e o código ou códigos QR correspondentes á sesión ou sesións elixidas. Para entrar nas proxeccións do Festival, só haberá que amosarlle ás persoas encargadas de facilitar o acceso o código QR asignado.

As persoas que prefiran comprar as súas entradas fisicamente poderán facelo no Centro Social do Mar entre o 4 e o 7 de setembro das 18 ás 20 horas. Ademais, e xa durante o Festival, o despacho de billetes do Centro Social do Mar estará aberto unha hora antes de cada sesión.

A décimo sexta edición do FICBUEU celébrase entre os días 8 e 23 de septiembre en horario de tarde e noite: ás 19.30 horas e ás 21.30 horas. O custo das entradas para cada sesión é de 3 euros, mentres que os abonos dan dereito a asistir a todas as sesións (6) dunha mesma franxa horaria. O seu custo é de 15 euros. A merca de abonos supón un aforro do 20% con respecto á compra de entradas para as 6 sesións.

Ademais, desde o despacho electrónico de billetes do FICBUEU poderán retirarse entradas reservando butacas numeradas a custo cero para as 7 proxeccións e eventos de carácter gratuíto.