O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou este martes no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra a imaxe da XXXII Bienal de Arte de Pontevedra, baseada nas caixas nas que se transportan as obras de arte, un símbolo "de movemento, intercambio e conexión internacional".
O vicepresidente provincial sinalou que cada caixa representa unha metáfora da forma na que a arte cruza océanos e continentes "unha ponte entre culturas, un contedor de historias e emocións que transcenden fronteiras" e tamén son "gardiás do patrimonio artístico da humanidade" e o seu percorrido ata Pontevedra simboliza "a apertura e a acollida que queremos brindar a todas as formas de expresión artística".
Rafa Domínguez destacou que coa bienal no 2025 Pontevedra se converterá "nun punto de encontro para as ideas e as emocións universais".
O novo deseño foi realizado polo equipo de comunicación da Deputación e presenta estas caixas de transporte de seguridade modernizando a tipografía Stencil, empregada desde hai séculos para marcalas, para crear un logotipo "brillante e con forza" co uso ademais dunha cor rosa flúor.
"Queremos que a nosa cidade sexa un faro de inspiración, un lugar no que os artistas e os amantes da arte de todo o mundo se sintan benvidos e conectados", remarcou o vicepresidente, que aproveitou a ocasión para agradecer aos profesionais do Museo todo o seu traballo para facer posible esta cita.
A 32 Bienal de Arte de Pontevedra, que regresa á Boa Vila despois de 35 anos, terá lugar entre os días 15 de xuño e 30 de setembro de 2025 en diferentes localizacións da cidade.
Baixo o título "Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais", pretende situar a Pontevedra como o epicentro da arte contemporánea, atraer artistas e visitantes de todo o mundo provendo o intercambio cultural, presentar propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade.
Busca ademais integrar á cidade no evento, fomentando a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza ao tempo que "tamén vai ter un importante retorno económico para facer da cidade un sitio mellor", concluíu o vicepresidente provincial.