O Centro Cultural Antonio Fraguas, en Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, acolleráo sábado 23 de marzo a partir das 18.00 horas a segunda edición do Cantar das Mozas.
Trátase dunha homenaxe ás mulleres galegas que enriqueceron o patrimonio inmaterial cun legado musical inmortal.
A actividade está organizada pola Asociación Cultural Os Afoutes do Canón de Pau e con especial protagonismo da sección de pandereteiras e cantareiras da agrupación denominada As Afoutiñas.
O evento, con entrada libre, ofrecerá unha tarde chea de sorpresas e de música popular en directo. Ademais, é unha celebración motivada polo Día Internacional da Muller, dando protagonismo a aaquelas mulleres que potenciaron a música tradicional en Galicia.
Ao escenario subirán a A.C. Trompos os Pés, de Marín, a Asociación Folclórica O Carballo das Cen Pólas, de Reboreda-Redondela; e as propias Afoutiñas.