O Museo de Pontevedra pechará o programa Emprazarte, a súa iniciativa cultural para encher de vida a praza que dá acceso ao Edificio Castelao, coas actuacións de Rodrigo Ramos e Magín Blanco. Será os próximos días 23 e 24 de setembro.
O protagonista da actuación do venres 23 de setembro, ás 21.00 horas, será Rodrigo Ramos. Este músico e compositor de Silleda iniciou a súa carreira en solitario en 2015, logo de máis dunha década formando parte de distintos grupos.
Dous anos mais tarde publicou o seu primeiro álbum, Mirabas almas, no que amosaba a súa versatilidade en directo, e que acompañou cunha xira de máis de cincuenta concertos por toda a península, tanto con banda como en formato acústico.
En 2019 chegou Sol de invierno, un álbum cálido no que destaca o aspecto vocal. Os arranxos de piano sosteñen un traballo caracterizado por melodías pegadizas reforzadas por órganos e guitarras eléctricas, no que explora as zonas de sombra emocionais da existencia humana.
Ao día seguinte, ás 12.30 horas, terá lugar a actuación de Magín Blanco, un dos máis coñecidos creadores de propostas escénicas para público familiar no panorama actual galego.
É o creador de pezas como A nena e o grilo, A nena e o grilo nun barquiño, Canta o Cuco -con Uxia Senlle-, ou A nena e o grilo máis aló, entre outros, e participou en moitos outros proxectos, como María Fumaça e Rosalía Pequeniña. En 2019 Carlos Rego dedicoulle unha biografía con disco recopilatorio: Magín Blanco - O Camiño da Luz.
En EmprazArte presentará o espectáculo Caderno de cores e cancións. Trátase dun percorrido pola creación musical e literaria das cancións, que parte do legado dos trobadores vencellado ás cores e as súas sinerxías, tanto emocionais como naturais.
Acompañado no escenario de Pablo Vidal, Magín Blanco xogará con elementos sinxelos como as melodías, as harmonías e a musicalidade poética das rimas para construír e descubrir un universo persoal ou colectivo.