O Concello de Bueu nomeará a Arturo Sánchez Cidrás como fillo adoptivo da vila.
Esta homenaxe terá lugar nunha sesión plenaria que se celebrará o próximo sábado, 23 de novembro, ás 11:00 horas, no Centro Social do Mar, e nela recoñecerase a figura deste mestre, investigador, historiador, escritor e xestor cultural.
Este recoñecemento foi impulsado hai uns meses por un grupo de persoas e asociacións da vila, e asumido por todos os grupos da corporación municipal, acordándose a celebración deste pleno ao que poderá asistir toda a veciñanza.
Previo ao pleno, terá lugar unha mesa redonda ás 19.30 horas na Biblioteca Municipal Torrente Ballester e na que participarán Xaime Toxo, Lucía Novas, Manuel Aldao, Salvador Castro, Amalia Omil e Abigail Buceta.
Tamén se vai abrir o sábado unha exposición na Sala Amalia Domínguez Búa composta por diversos elementos da traxectoria de Sánchez Cidrás, entre os que se atopan o seu primeiro ordenador, cámaras fotográficas e outros relacionados coas súas diversas investigacións.
O Concello de Bueu sinala que Arturo Sánchez Cidrás desenvolveu a súa carreira profesional como mestre nesta vila durante máis de trinta anos ao longo dos cales deixou unha lembranza de bo facer nos seus alumnos e compañeiros como figura exemplar, comprometida coas medidas de renovación e actualización pedagóxica, na procura dun ensino de calidade, rigoroso e crítico.
Sánchez Cidrás é un gran investigador da historia local, traballo que xa se podía albiscar na revista "O Candil" fundada no CEIP A Pedra, e que seguiu ao longo destes anos nas súas páxinas webs, nas que recompila historias, curiosidades, eventos, artigos e todo o que teña que ver con personaxes ou persoas de Bueu.
A raíz das súas investigacións escribiu tamén varios libros e participou nunha gran cantidade de publicacións conxuntas e artigos de revistas, e ten impartido numerosas charlas e conferencias.
Malia ser natural da localidade veciña de Marín, Sánchez Cidrás ten unha intensa relación con Bueu participando en moitas ocasións da vida pública e das súas actividades, e sendo merecedor de diversos recoñecementos.
Con este nomeamento, Cidrás unirase aos outros fillos adoptivos que ten o Concello de Bueu dende hai anos, caso de Fernando de la Rúa, Staffan Mörling ou Juan Veiga.