Arturo Colorado falará no Museo da incautación de patrimonio na guerra e a posguerra

Pontevedra
30 de maio 2023

O catedrático e profesor emérito de Arte e Comunicación da Universidad Complutense de Madrid pronunciará o xoves 1 de xuño ás 19 horas a conferencia 'Patrimonio en tempos de guerra e posguerra. Incautacións e diáspora'

Obras de arte almacenadas
Obras de arte almacenadas / Generalitat de Catalunya

O Museo de Pontevedra organiza o próximo xoves 1 de xuño ás 19 horas no Edificio Castelao a conferencia de Arturo Colorado Castellary 'Patrimonio en tempos de guerra e posguerra. Incautacións e diáspora'. 

O catedrático e profesor emérito de Arte e Comunicación da Universidad Complutense de Madrid é o maior experto sobre este tema, como investigador principal do proxecto 'El patrimonio artístico durante la guerra civil y la posguerra'.

Na súa intervención en Pontevedra analizará dous períodos claramente diferenciados: a política republicana de incautación de obras de arte e as accións realizadas polo franquismo cos milleiros de obras salvadas pola República. 

Colorado analizará a creación polo Goberno da República da Junta del Tesoro Artístico, que incautou, recolleu e almacenou miles de obras. Ante a gravidade dos bombardeos franquistas e dos seus aliados, as máis importantes destas obras foron evacuadas a Valencia, despois a Barcelona e o norte de Cataluña, para finalmente, e grazas á intervención internacional, chegar ata Xenebra.

A segunda parte da conferencia ten como obxectivo responder á cuestión: que fixo o franquismo na inmediata posguerra cos miles de obras salvadas pola República, tanto as que permaneceron en España como as que volveron do estranxeiro? Moitas das 17.000 pezas das que se puido facer o seu seguimento foron devoltas aos seus propietarios, aínda que unha gran cantidade foron desviadas cara a outros destinatarios, que en moitos casos as recoñecían como súas. 

Colorado analizará as entregas en depósito de miles destas pezas a museos, a organismos públicos, á Igrexa e mesmo a particulares, o que produciu o espolio, a diáspora e a desaparición de numerosas obras. Un caso específico é o das confiscacións das coleccións dos exiliados republicanos, que foron sinxelamente entregadas a outros destinatarios.

O conferenciante establecerá paralelismos entre este espolio franquista e o realizado polos nazis nos mesmos anos. Como no caso das obras roubadas polos nazis, Colorado considera que a cuestión actual é a necesidade de abordar a investigación e a posible restitución destas obras aos herdeiros dos propietarios confiscados.