O edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra é desde esta semana ata o 20 de novembro sede descentralizada da máis antiga bienal de arte da Península, a Bienal Internacional de Arte de Cerveira. Este xoves inaugurou unha mostra de arte contemporánea con obras de quince artistas de Portugal e Brasil.
As obras, seleccionadas pola directora artística da Bienal, Helena Mendes Pereira, pertencen a creadoras e creadores de referencia na arte de Portugal e Brasil xunto con outras autoras e autores lusas de diferentes xeracións, cunha destacada presenza feminina.
Hai obras dos artistas de Portugal Zulmiro de Carvalho, Ana Vidigal, Mafalda Santos, Elsa César, Ana Maria Pintora, Henrique do Vale, Juan Domingues, Mariana Mizarela, Pedro Figueiredo, Serafim Sousa e Sobral Centeno. Ademais, Ana Monteiro e Maria Cunha fan unha homenaxe á artista portuguesa Helena Almeida.
De Brasil están Jayme Reis e Zélia Mendonça.
A directora artística da Bienal explica que son autores de diferentes xeracións e plasticidades que comparten o gusto polo detalle, polo deseño, pola expresión do corpo, "con enfoque na dimensión poética da obra de arte e nas mensaxes indecibles que agocha".
En paralelo á inauguración en Pontevedra, inuaugurouse unha exposición en Monção, outra das sedes descentralizadas da Bienal. Nesa mostra participará o marinense Antón Sobral, xunto cun artista portugués e outro brasileiro. A bienal tamén con polos expositivos noutras tres localidades do norte de Portugal: Caminha, Vila Verde e Alfândega da Fé.