Artistas de Pontevedra únense nun festival de música a través de Instagram

Pontevedra
18 de marzo 2020

Participarán Andrea Soliño, Ángel Pombo, Carolina Brea, Cora Velasco, Cresposo, Dabelaii, Daniel Trinta, Danny Leiva, Deliria Drama, Flava Bowl, Javi Pascual, Lemot, Leo Burke, Malecho, María Aguado, Martín Balboa, Perse, Queco Lago, Rober Calvo, Rodrigo Valiente, Sanny, Tami (MKP Crew), Tea é un paxaro e Yago

Cartel do Black Hole Online Festival
Cartel do Black Hole Online Festival

As redes sociais convertéronse nunha vía de escape durante esta corentena polo coronavirus. Non só para estar informados ou seguir en contacto con amigos e familiares. Moitos optaron por ofrecer a través delas iniciativas culturais e de lecer para que este confinamento se faga o máis levadío e entretido posible. 

É o caso dun grupo de artistas de Pontevedra que, a través da iniciativa Black Hole, decidiron unirse para ofrecer un festival de música por Instagram.

Durante os tres próximos días, haberá varios concertos en directo que se retransmitirán polo perfil de Black Hole Pontevedra, onde se irán conectando os artistas desde os seus domicilios.

Neles, participarán Andrea Soliño, Ángel Pombo, Carolina Brea, Cora Velasco, Cresposo, Dabelaii, Daniel Trinta, Danny Leiva, Deliria Drama, Flava Bowl, Javi Pascual, Lemot, Leo Burke, Malecho, María Aguado, Martín Balboa, Perse, Queco Lago, Rober Calvo, Rodrigo Valiente, Sanny, Tami (MKP Crew), Tea é un paxaro e Yago.

Queco Lago, un dos organizadores do festival, explicou a PontevedraViva que Black Hole é unha iniciativa que aposta por ser un "micro aberto" na escena musical da cidade e, unha vez ao mes, organízase nun local diferente.

Ante a orde de quedar na casa polo coronavirus, os músicos pensaron que sería unha boa idea que a nova edición, que fará a número 24, se celebre por primeira vez de maneira virtual. "Foi fácil preguntar quen se animaría a tocar", sinala Lago.

Cada artista conectarase ao directo desde a súa casa, os primeiros esta mesma tarde a partir das 18.30 horas, "e veremos como sae", aseguran os seus responsables, xa que lembran que os participantes teñen "a súa propia conexión e a súa propio móbil".

En todo caso, Queco Lago entende que nestes momentos "hai que seguir facendo cousas, reunirnos e poñer alegría á situación", sobre todo cando gran parte dos artistas tiveron que cancelar concertos polo avance da pandemia no noso país.

"Temos que conseguir que non cunda o pánico e que a xente faga vida normal, a pesar de estar na casa, e dentro da vida normal sempre hai música", conclúe un dos impulsores deste Black Hole que, na súa modalidade online, pretende revolucionar estes días as redes sociais.